As músicas de vangarda toman Compostela

Nas marxes hai vida. E nas marxes da música habitual, tamén. Esa parece ser a máxima que guía os programadores do Festival WOS, que esta cuarta feira arrinca en Santiago de Compostela cun arriscado cartaz a medio camiño entre as vangardas, a electrónica avanzada e as denominadas músicas urbanas.
 

Praza de Abastos de Compostela.
photo_camera A praza de Abastos de Compostela, un dos escenarios do Festival Wos.

O trap de Boyanka Kostova, os emocionantes experimentos coa voz e o loop da franco galega Mounqup ou o rock matemático dos pontevedreses Diola son algunhas das incursións galegas nun programa con artistas internacionais de recoñecido prestixio crítico.

O WOS -organizado pola produtora compostelá Work on Sunday e coa colaboración do concello da capital, a Deputación da Coruña e a Xunta e numerosos patrocinios privados- ofrecerá, segundo afirma en nota de prensa a dirección do certame, "propostas innovadoras, inusuais e aclamadas internacionalmente". Trece espazos diferentes por toda a cidade, do Centro Galego das Artes Contemporáneas á Fundación Eugenio Granell, da Cidade da Cultura á Igrexa da Universidade ou á praza de Abastos, acollerán as actuacións.

Se en edicións anteriores, versións máis ou menos heterodoxas do rock de guitarras dominaban o programa, desta volta son propostas inauditas e exploratorias as que se fixeron co control: os ingleses Demdike Stare remexen noise, free jazz e tecno; o australiano Oren Ambarchi espreme minimalismo e abstracción; Carla dal Forno, tamén de Australia, dáse ao folk psicodélico; ou o mítico guitarrista Alan Bishop intérnase nas escalas exipcias da man de The Dwarfs of East Agouza canda os cairotas Maurice Louca e Sam Shalabi.

O cinema -en colaboración coa sala Numax- e con oferta de tres filmes -sobre Chicho Sánchez Ferlosio, Tony Conrad e a cultura rave-, seis performances -comisariadas pola novo espazo compostelan La Montiel- e oito encontros entre músicos e público completan un festival polo que pasarán 33 artistas musicais diferentes. As entradas están á venda na web wosfestival.workonsunday.es. 

Comentarios