A música de Xoán Curiel e a poesía de Aldoalado na festa das letras de San Sadurniño

Poesía e música danse a man na festa das letras que o Concello de San Sadurniño prepara para a tarde do domingo 18 no Pazo da Marquesa. A celebración do Día das Letras ofrecerá a música de xoán Curiel e a poesía de Aldaolado. 

Xoán Curiel
photo_camera Xoán Curiel

A partir das seis da tarde, o domingo 18, será a hora da principal cita do Concello de San Sadurniño coa conmemoración do Dia das Letras Galegas. Xuntará a música de Xoán Curiel xunto co grupo Aldaolado nunha festa na que, ademais, se entregarán os premios da terceira edición do concurso literario “ARTEllando na lingua” que convoca a asociación ARTElladas e que ten aberto aínda o prazo de presentación até o 13 de maio. Novidade da festa é que por vez primeira terán lugar os actos no Pazo da Marquesa, espazo recuperado para usos públicos no concello. 

Pola condición de poeta de Xosé María Díaz Castro, en San Sadurniño optaron por convocar unha nova proposta que está a levar a poesía aos escenarios achegándoa a novos públicos. O grupo formado polas poetas Lucía Aldao e María lado levan ao Pazo da Marquesa o espectáculo “Con dez poemas por barba!”, un recital con ritmo, música ao vivo, xogos literarios, reflexión, creatividade e mesmo humor. 

Canda elas, a festa convocará á música do cantante e compositor Xoán Curiel que ofrecerá un concerto con temas do seu traballo “Magnético Zen”, mellor álbum en lingua galega na quinta edición dos premios da música independente outorgados pola Unión Fonográfica Independiente. Pop en galego con aromas de músicas do mundo, que chega a San Sadurniño despois de ter rematado a súa xira por Arxentina e antes de participar no mes de xuño no Azores Fringe Festival.

Poesía, teatro, banda deseñada ou relato curto cun mínimo de 40 palabras e un máximo de 500 na nosa lingua son parte das bases dun concurso que se divide en categoría infantil, xuvenil e maiores de 19 anos son os eixos do concurso “ARTEllando na lingua” do que se darán os premios no transcorrer da festa do Día das Letras no Pazo da Marquesa.

Comentarios