Música e vídeos para difundir o patrimonio histórico e cultural. Así é a nova campaña da Deputación da Coruña

Baixo o cancelo #PatrimonioInMaterial difundiranse seis videoclips musicais en redes sociais para mostrar a simbiose natural que existe entre o Patrimonio Material e Inmaterial.
Visita do deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, á gravación do videoclip de Minguante nas Torres de Altamira (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Visita do deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, á gravación do videoclip de Minguante nas Torres de Altamira (Foto: Deputación da Coruña).

A área de Patrimonio da Deputación da Coruña, que xestiona o deputado Xosé Lois Penas, está a ultimar os detalles dunha campaña transmedia que ten por obxecto promover a pegada histórica e cultural de varios bens patrimoniais de titularidade da institución.

Así, baixo o cancelo #PatrimonioInMaterial difundiranse seis videoclips musicais en redes sociais para mostrar a simbiose natural que existe entre o Patrimonio Material e Inmaterial.

“A idea é ir máis alá do valor arqueolóxico ou arquitectónico do noso patrimonio, o que queremos é dalo a coñecer dun modo máis transversal e socializado sobre todo entre a xente máis nova, polo que optamos por canles e formatos de difusión máis axustados ao perfil da mocidade” asegura Xosé Lois Penas.

Os seis videoclips foron gravados en localizacións de especial interese histórico e cultural como son o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo, o forno do Forte,  as Torres do Allo, as Torres de Altamira e o Mosteiro de Caaveiro.

Os vídeos subiranse as segundas feiras, a partir do 20 de marzo, á canle de YouTube da Deptuación e, ao longo de cada semana, realizaranse diversas accións de difusión a cargo de creadoras de contidos culturais e xestores de comunidades como Ola Xon Mario!, Orgullo Galego ou Rodri Míguez. Toda a produción e coordinación técnica correrá a cargo da Cooperativa Audiovisual Suseia.

As noites das segundas feiras, Rodri Míguez fará unha análise dun minuto do espazo escollido para interpretar a canción, as terzas feiras á tardiña a conversa será en Twich da man de Orgullo Galego, as cuartas feiras Ola Xon Mario! Encargarase de “pór a nota de humor” e as quintas feiras un post de Orgullo Galego achegará lendas e datos de interese relacionados co ben de interese, segundo apuntan desde a Deputación.

Os artistas

Entre as bandas e solistas que participan existe unha gran variedade de xéneros musicais e propostas creativas: Adhara and Ritman coa súa mestura de folk e soul; O Rabelo que interpretará un tema tecno-tradi; Minguante e a aposta polo pop-indie; Técor Societario cun tema punk-folk; Sofia Espiñeira coa frescura do pop en galego e Lisdexia cunha aposta polo pop-punk.

Comentarios