Antón López, membro de Treixadura

“A música tradicional non ten ningún segredo”

Antón López (Vigo, 1960) é un dos membros fundadores de Treixadura, un dos grupos musicais que máis persoas move no país. Falamos con el do novo disco que veñen de lanzar, Inda Canto!, o sétimo da formación, no que botan a ollada aos seus comezos para concluír que o camiño pasa por seguir “tocando a gaita, cantando e facéndollo pasar ben á xente”. Eis un extracto da conversa, publicada no Sermos Galiza 299.

Antón López
photo_camera Antón López

2Cal foi a evolución de Treixadura?

Eu compároo sempre cun río que comeza sendo un regato pequeniño e acaba sendo un gran río. No mesmo muíño onde nos reuniamos fixemos a presentación do grupo, cun colectivo de amigos. En canto saíu ao público, no mundo dos gaiteiros, vimos que acollida era moi boa. Pero tardamos catro anos en estar convencidos de que se podía gravar; como ves tomamos as cousas con calma. Tivemos ofertas, até que chegou unha que nos convenceu moito, que foron os propios de Milladoiro. Cos gaiteiros de Milladoiro tiñamos boa relación, posto que son os mestres dos gaiteiros que temos hoxe. Gravamos ese primeiro disco Obrigado, que é un disco de gaita. Logo dese primeiro disco, sentimos a necesidade de darlle un pouco de gama, de colorido, á música. E pensamos nun acordeón, porque permitía cambiar tonalidades, ampliar o abano. Foi cando pensamos en César Longa, que viña dun grupo folk, facendo o camiño á inversa. Normalmente empezan gaiteiros e acaban no folk.

Que supuxo ese salto?

Inmediatamente despois gravamos Unha noite no muíño. Daquela xa pensabamos nunha cuatriloxía, pero parecíanos unha utopía. Tiñamos outro posíbel título que nos gustaba, Martes pechado, pero era un nome algo rompedor para un grupo de gaiteiros. No seguinte disco, Unha noite non é nada, outra volta do grupo. Queriamos gravar unha suite sobre temas populares que aparece nunha zarzuela, na Chula de Pontevedra, e acababa cunha foliada. E chegamos a gravala, pero non nos convencía porque era moi pouca voz. Pensamos na posibilidade de contar cun coro. É algo que sempre nos gustou, somos moi amantes da música tradicional, da música dos coros, das bandas de música, e ademais coñecemos ese repertorio. Collemos uns cantos amigos, que cantaba ben, xente coa que cantabamos habitualmente. E ese foi o xermolo do Orfeón Treixadura.

Hai xente que cre que parte do voso repertorio é popular. A que se debe?

Están feitas desde a base. As creacións de Treixadura están feitas por xente que viviu e mamou a música tradicional. Cando ti naces aí, o que ti creas está inspirado niso. É así de sinxelo. A música tradicional non ten ningún segredo: ten que ser fácil de entender, fácil de cantar e que a xente se identifique rápido con ela. E por iso a xente acaba asimilando a música de Treixadura, é moi similar ao que podes escoitar de hai cen anos, pero feito hoxe. É algo que non pensabamos que chegase a suceder e que reafirma a idea que tiñamos nun principio. Non foi doado, foi un camiño no que loitamos moito a contracorrente. Pero feito con tranquilidade, sen ningún tipo de expectativa. O único obxectivo era pasalo ben, facerllo pasar ben á xente, e se iso non ía adiante, marchar á casa. Pero resulta que a idea non era tan desatinada.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 299 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios