Cultura

Música de tradición e vangarda sobre as paredes dunha canteira

Baiuca e Mercedes Peón encabezan o cartaz
Canteira de Vilafría
photo_camera Canteira de Vilafría

Como sinónimo da Covid-19, a programación cultural viuse ateigada de cancelacións e aprazamentos a 2021 dunha gran cantidade de festivais de verán. Mais non todo son malas novas para as amantes da música. No medio das restricións, tamén xorden novas propostas. É o caso de Sons da Canteira, un evento que organiza por primeira vez este ano o Concello do Porriño. Terá lugar o 29 de agosto na canteira en proceso de restauración de Vilafría.

Sons da Canteira arrinca a súa primeira edición cun cartaz composto por catro artistas galegos de referencia nos eidos da música e da videocreación: Baiuca, Mercedes Peón, Laura Lamontagne & PicoAmperio e, abrindo o concerto, DJ/VJ Juanma Lodo. As actuacións terán ademais un escenario de gran valor, coa recuperación do territorio como pano de fondo, segundo destacan desde a organización.

A escolma musical responde asemade a proxectos moi persoais que traballan, dunha ou doutra forma, na achega da tradición galega á vangarda e á electrónica. Pola súa banda, a muralla de pedra serve de singular pantalla sobre a que, empregando técnicas de videomapping, se proxectarán as imaxes escollidas polos grupos.

Butaca ou mesa

Sons da Canteira ten previsto estabelecer estritos protocolos de seguridade para unha capacidade máxima de 500 persoas. Ao realizar a compra previa de billetes pódese escoller entre cadeira ou mesa (até esgotar prazas), por prezos que parten dos 16,50 euros e que presentan descontos por grupos de até seis persoas.

O público pode xantar mentres goza do espectáculo, coa presenza de dúas food trucks no recinto. As espectadoras na mesa seleccionarán o menú a través dunha app móbil e reciben a consumición no sitio. Os de butaca terán que pedir na barra respectando a distancia de seguridade. O festival conta con persoal dedicado en exclusiva á limpeza e á xestión dos residuos.

Comentarios