Música, teatro e poesía para poñer o ramo ao Ano da Lingua

O cartaz da gala, netamente feminino, que terá lugar en Tomiño inclúe as actuacións de Andrea Pousa, A banda da loba, Leilía e Rebeca Santos, unha performance da poeta Tamara Andrés, e será presentada pola actriz Isabel Risco. É o feche do Ano da Lingua organizado pola Deputación de Pontevedra. 

 

gala ano da lingua

A primeira gala do Ano da Lingua, organizado pola Deputación de Pontevedra, en 2016, foi en Pontevedra; tomándolle o relevo en 2017 Cangas e agora, na edición de 2018, a iniciativa recala en Tomiño. Así o anunciaron a alcaldesa da localidade, Sandra González, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

A cita vai ser o vindeiro 8 de decembro, no Auditorio de Goián, e con entrada de balde. “Introducimos diferentes disciplinas e diferentes estilos tamén para visibilizar todo o traballo realizado desde os campos que formaron parte da programación do Ano da Lingua”, asegurou Xosé Leal.

O cartaz desta edición é totalmente feminino. Así, a imaxe gráfica do cartaz é obra da deseñadora pontevedresa Ana Seoane e inclúe as actuacións musicais da artista tomiñesa Andrea Pousa, así como de A banda da loba e Leilía.

O evento tamén contará co espectáculo aéreo de Rebeca Santos, cunha performance realizada ad hoc para este evento pola poeta Tamara Andrés, e será presentado pola actriz Isabel Risco.

Ademais da Gala, para ese mesmo día tamén se programan dúas actuacións en horario de mañá. Están previstas para as 12h na praza do Seixo —en caso de choiva está previsto o seu traslado ao Mercado— e consistirán no Concerto Punkinfantil, para público infantil e familiar, e nunha actuación de Blues do País, nunha sesión vermú.

Comentarios