Revolución musical para defender “Planeta Furancho”

O día 29 deixa de emitirse o programa “Planeta Furancho” na Radio Galega Música. Contra o que poda parecer, a música non ficará en silencio. Esta quinta feira, sentirase na Praza do Toural nunha concentración ruidosa que reclamará a presenza da música galega na CRTVG. 

roda
photo_camera roda

“Non imos ficar de brazos cruzados polo desaire da CRTVG”, sinalou Josito Porto na roda de prensa na que anunciaron novas mobilizacións para que o “ente” que pasaron a chamar “do-ente” público volva a música galega que desapareceu co fin de “Planeta Furancho”, o programa dirixido por Vituco Neira. Canda a fotógrafa Ada Seoane e o músico Alex Sevilla, e coa compaña dun amplo grupo de profesionais da música, reclamaron a visibilización da música galega e das bandas que funcionan no país nos espazos da radio e televisión galegas, en cumprimento dos principios recollidos na súa creación. 

A CRTVG recibiu a concentración do pasado sábado diante das instalacións de San Marcos coa porta pechada. A maneira de metáfora, esa circunstancia foi lembrada por Josito Porto para esixir unha nova apertura e, en especial, o regreso do programa dirixido por Vituco Neira que, premiado o pasado ano nos Premios Martin Códax, converteuse ao longo de máis de 1.400 programas en verdadeiro altofalante da música galega. Da dirección da CRTVG aínda non recibiron notificacións das razóns que levaron a eliminar o programa da grella. 

Tamén un programa de música ao vivo 

Recolleu Porto as palabras do director xeral da CRTVG Alfonso Sánchez Izquierdo no Parlamento o mesmo día no que se notificaba a desaparición de “Planeta Furancho”, para lembrarlle que “a cultura ten que contar na Radio Galega e, a poder ser, en horarios non pornográficos”. “Aproveitándonos das súas boas intencións, pensamos que ten obriga de crear tamén un programa de música ao vivo.”, sinalou con ironía xa que Sánchez Izquierdo o que fixo na súa comparecencia parlamentar foi xustificar a presenza da música na grella do ente público con programas como “Luar” ou “Bamboleo”. 

“É unha vergoña que non exista un programa de música moderna con entrevistas e actuacións ao vivo”, dixo Josito Porto ao tempo que lembrou que “a radio e os micros son públicos”. A rúa tamén e por iso, anunciaron a concentración esta quinta feira ás 20.30 horas na Praza do Toural co fin de facer sentir o seu descontento. “A poder ser ruidosa, con instrumentos”, explicou Alex Sevilla, quen apuntou tamén que a música seguirá a promover novas mobilizacións para que a creación das novas bandas galegas se sintan a través das ondas da galega. 

O tema ten que interesar, segundo fixeron fincapé, non só aos profesionais da música senón á sociedade xeral que está a perder o dereito a se achegar á música galega. “Ë importante que esteamos todos, os de enriba, arredor e enfronte dos escenarios, movilizándonos e berrando e a mellor maneira é acudir ás actividades, tamén aos concertos”, pechou Porto, convidando a participar na mobilización da vindeira quinta feira. 

Comentarios