Cultura

Guadi Galego analiza o retorno da música aos palcos, entre a ilusión e a incerteza

O Concello de Pontevedra realiza este sábado un concerto dobre para celebrar o final do confinamento. Xabier Díaz & As Adufeiras de Salitre e mais Guadi Galego serán as encargadas de inundar de melodías a explanada do Pazo da Cultura a partir das 20 horas, nun espazo preparado para acoller 600 persoas.
Na esquerda, Guadi Galego nun concerto. Na dereita, Xabier Díaz
coas Adufeiras de Salitre en directo.
photo_camera Na esquerda, Guadi Galego nun concerto. Na dereita, Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre en directo.

O concello de Pontevedra celebra este sábado o desconfinamento por todo o alto cun concerto dobre de Guadi Galego e Xabier Díaz & As Adufeiras de Salitre. A primeira viu cancelado o seu feche de xira, Immersion, dentro do programa Voices, mentres as segundas encadraban a súa actuación no ciclo das Matinés. Ás 20 horas a explanada do Pazo da Cultura encherase de música, preparado para acoller unhas 600 persoas. "É moito esforzo facer un concerto así, por infraestrutura, fóra", explica Guadi Galego a Nós Diario.

Se a volta aos palcos vén con entusiasmo, tamén recolle boa parte da incerteza que leva meses asolagando o futuro do sector musical. Galego sinala a prudencia á hora de medir ben as distancias ou ter un control maior sobre todos os aspectos que afecten á prevención do coronavirus, un equilibrio que cómpre conxugar con "non restar toda a emoción que se ten cando se vai a un concerto". A tónica coa que se achegan á data é a da expectativa: "a ver como sae", di a compositora, que enxerga o devir con optimismo.

Outra forza

Sobre o escenario non pode haber, loxicamente, contacto físico, nin as persoas deben achegarse máis de dous metros sen máscara. "Vai ser distinto", admite Galego, "pero eu penso que tamén o suples con outra forza". Ante a falta de experiencia neste novo contexto, a ilusión apunta a superar calquera problema. Con todo, de momento a cantante avanza que non teñen pensado facer ningún tema conxunto, pois están tan á agarda de ver como se vai desenvolver todo dentro das medidas de seguridade oportunas.

"Vai ser distinto", admite Galego, "pero eu penso que tamén o suples con outra forza".

A aposta do concello de Pontevedra pasa por dúas bandas galegas, feito no que Galego percibe "unha declaración de intencións" poñendo o foco aquí. "Este é o momento de demostrar que hai unha chea de grupos e de xéneros na Galiza, que poden estar enchendo todos eses palcos pequenos e non tan pequenos, respectando sempre as medidas de seguridade", suxire. En todo caso, optar polo local resulta nestes momentos moito máis doado e barato que traer proxectos de fóra. "Non hai que paralo todo, porque resulta que temos un produto no país moi potente", insiste a compositora.

Igualmente, a implicación de 15 empresas na organización do evento da conta dos empregos directos e indirectos que xera o sector da música, que contra o que moitas persoas perciben é "moi potente". Porén, non se ve como un eido de "necesidade primaria", indica Galego, polo que apoialo non adoita situarse entre as prioridades en situacións de crise como as que atravesamos.

Novos modelos

As circunstancias novas semellan exixir case necesariamente reinvencións de formatos. Os "concertos verticais" que protagonizaba no Barco de Valdeorras a Fanfarria Taquikardia, coros cantando con pantallas protectoras, retransmisións en streaming ou, dentro das lóxicas do tradicional, divisións dos torreiros de baile ou foliadas virtuas -unha das últimas a dos encontros de música espallada de Santa Ferreña- conforman algunhas das imaxes da chamada nova normalidade.

"O virtual está moi asociado ao global, e iso xa sae do noso control", advirte Guadi Galego

Sen perder de vista a música ao vivo, moitas destas experiencias apuntan cara ao peso acelerado da virtualidade que dominou durante o tempo de confinamento, no que as artistas se implicaron para ofrecer á sociedade, de maneira solidaria, o que mellor sabían facer. Mais o resultado dun momento extraordinario non pode converterse na norma. "Eu estou en contra da cultura gratuíta", di Galego, "creo que ten que ser totalmente accesíbel a todos os públicos, ninguén debería deixar de consumila por unha cuestión de poder adquisitivo, pero non pode ser de balde, porque non favorece", explica.

As salas de concertos socias de Clubcultura debaten xustamente hoxe sobre o seu futuro e como encarar a época estival, na asemblea anual da asociación que reúne no Náutico de San Vicente (O Grove) a máis de 30 profesionais da Galiza. Ao tempo, outras propostas de programación prepáranse tamén para arrincar, como é o caso do ciclo Elas Son Artistas que, adiado desde mediados de abril, se vai transformar nunha programación metropolitana que dará comezo na sexta feira co dúo zaragozano Té con Canela.

Vitual é global

"O virtual está moi asociado ao global, e iso xa sae de todo o noso control", afirma Galego, que ante a innegábel relevancia destes medios entende que "teñen que xurdir canles para chegar desde o virtual, mais que non sexan a custo cero". Youtube, por exemplo, é moi complexo de monetizar na pequena escala na que traballan as artistas galegas. "Todo o que é a por maior é distinto", puntualiza.

Comentarios