A Sociedade de Autores publica o seu Anuario

A música popular, base económica das artes escénicas galegas en 2019

Os datos do vixésimo estudo da Sociedade Xeral de Autoras expón un claro incremento da venda de entradas e do aumento de público nos eventos celebrados na Galiza entre 2014 e 2019. 
tanxugueiras
photo_camera Imaxe de arquivo de Tanxugueiras nun concerto. / Nós Diario

A Sociedade Xeral de Autores (SXA) vén de publicar o seu vixésimo Anuario das Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, un extenso documento que recolle a recadación entre 2014 e 2019 e onde se reflicte que a música popular foi a base económica da actividade na Galiza, onde viviu o ano pasado un importante incremento económico, achegándose aos 18 millóns de euros, moi por riba da media do Estado español.

Os eventos de música popular conseguiron despachar no noso país máis dun millón e medio de billetes. En concreto cabe destacar a importancia dos festivais, malia a súa estacionalidade.

Na análise por xéneros musicais, dos 3.658 concertos realizados en 2019, destaca superioridade en oferta dos directos de música Pop e Rock, que representan 83,4% das actuacións recollidas pola SXA. A segunda opción é a música folk, sendo 4,5% da oferta de concertos deste xénero musical, e son aínda menores as porcentaxes de música jazz (3,6%) e música de cantautoras (2,7%).

No apartado das artes escénicas o Anuario amosa que as actuacións na Galiza sobre o conxunto do Estado español foi en 2019 de 3,4%. Ademais, rexistrouse ese aumento de representacións que xa viña ocorrendo en anteriores anos, pasando das 1.682 de 2018 a 1.718 en 2019.

Este aumento foi en coherencia co do público, que medrou en 4,4% respecto ao anterior ano até alcanzar case o medio millón de entradas vendidas que supuxeron unha recadación para o conxunto das artes escénicas en 2019 de 4.681.016 euros.

O teatro é a actividade cun maior peso mais, aínda así, tanto a danza como o xénero lírico aumentaron en representacións, público e recadación respecto a 2018. Con só 67 representacións a danza logrou en 2019 máis de 30.000 persoas espectadoras.

Comentarios