Su Garrido Pombo, cantante e compositora

"A música é parte da miña vida e non a fago polo feito de subir aos escenarios"

Con motivo da celebración do décimo aniversario de Sermos Galiza, a cantante e compositora Su Garrido actuará este sábado no evento organizado pola empresa editora deste xornal e que decorrerá na Nave de Vidán, en Santiago de Compostela. A artista, con máis de 20 anos de traxectoria, desenvolveuse tanto en solitario como en bandas e agrupacións como Lembranzas Galegas (1999- 2003) ou Sonhos (2003-2012). Agora traballa en novas cancións e segue a apostar polo compromiso social, cuestión que a acompaña desde o comezo da súa carreira artística. Garrido ten claro que a música forma parte do seu día a día e da forma de entender o mundo.
O estilo musical de Su Garrido abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz e latin. (Foto: Miguel Estima)
photo_camera O estilo musical de Su Garrido abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz e latin. (Foto: Miguel Estima)

Este 11 de xuño é día de celebración para Sermos Galiza. Como artista comprometida co social e co patrimonio, que lle parece que este medio de comunicación faga xa unha década?

Ten que perdurar. Ten que resistir. É imprescindíbel que resistamos. En especial os medios de comunicación. Non queda outra. Non quero dicir que este momento sexa peor que outros, porque é evidente que hai 40 ou 60 anos a situación era a que era, mais si que é moi importante a resistencia desde o social e desde a cidadanía.

Por iso o labor que facedes é imprescindíbel. É un compromiso e tedes que aguantar. Como todos e cada un de nós que temos que aguantar e resistir cada día, non existe outra opción.

En que punto da súa carreira se atopa?

Agora mesmo estou nun momento moi feliz. Estou no camiño. Despois do primeiro disco, estou pensando no segundo, mais aínda teño que darlle unha volta. A verdade é que eu non penso moito as cousas a nivel musical; penso no espazo, no momento. Sempre me custa moito definir todo iso e metelo nun disco. Non sei se o espazo ou a luz se poden meter nun disco, pero nesas estou. Estou a facer cancións novas, temáticas novas, pensando moito nas letras. Céntrome no local, na comunidade, en falar de nós e do noso.

Esa forma de traballar, trasládaa tamén ás cancións?

Si, totalmente. Sempre digo que non son tan músico como os músicos, porque, como dicía antes, non penso só a nivel musical. Gústame moito a arte, a performance, a literatura, a poesía... Hai moitos máis elementos arredor que só os musicais. En moitos momentos atópome danzando entre todos eles. Aquí tamén entra ese concepto de comunidade, do social.

Para min a música é parte da vida, non é só parte dun espectáculo. Non é algo que fago por subir a un escenario. Canto desde que sei que canto, vivín iso tanto na aldea como na cidade e a música formaba parte de todo. E intento levar iso a todo o que fago.

Ao longo da súa traxectoria, actuou tanto en solitario como con diferentes grupos. Prefire algunha das dúas opcións, ou depende do momento?

Encántame tocar con bandas, por suposto, pero teño que ser moi sincera neste tema. A opción de tocar soa, ademais de gustarme tamén moito, polo seu carácter intimista, conta cunha chave económica. Neste momento, pensar en montar unha banda para alguén que vive de tocar, como o meu caso, para min é imposíbel. O formato pequeno, en solitario, é o que me permite ir a todas partes, moverme eu soa e non depender de moitas circunstancias.

Comentaba antes que está a traballar en novas cancións e nun posíbel segundo disco. Ten algo avanzado xa ou está aínda nunha primeira fase de pensar o que quere facer?

A fase de pensar e repensar o que quero facer está sempre presente. Non hai un momento no que pare e diga: “Isto está rematado”.Para min, ese momento de parar é como fechar un capítulo, unha etapa, aínda que despois nunca se fecha de todo, porque nos directos cambian mil cousas e tes que mudar. Depende do momento, da sonoridade, do público... de moitos factores. En canto ás cancións, si, xa teño unha serie de temas máis avanzados, que xiran arredor da comunidade, da veciñanza, do compromiso social e dos patios de luz.

Comentarios