Unhas xornadas debullan a música nos novos escenarios dixitais

Xornadas de Paideia Galiza de marzo a maio
Unha sesión das xornadas do ano pasado.
photo_camera Unha sesión das xornadas do ano pasado.

A Fundación Paideia Galiza organizará entre os meses de marzo e maio de 2021 o V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais baixo o título "Amplificando o directo: novos escenarios na contorna dixital". Este ano serán itinerantes e poderán seguirse a través de streaming. As tres citas que a compoñen están axendadas para os sábados 13 de marzo, 17 de abril e 8 de maio, achegándose ás posibilidades dos medios dixitais para o desenvolvemento das carreiras de artistas.

As palestras, que estarán acompañadas dun showcase dunha banda ou artista emerxente galega, poderán seguirse presencialmente, coas limitacións de capacidade de cada un dos espazos escollidos, marcadas pola lexislación no momento da súa celebración, e tamén a través dun streaming.

O primeiro dos encontros, "Monetiza a túa música en liña", será no Salón Teatro de Compostela e contará coa participación de Ana Biedma, de Altafonte, e Saúl Cabrera, director no Estado de LATAM en EmuBands, expertos na distribución de contido musical a través de plataformas dixitais.

O acto estará conducido e moderado polo xornalista e especialista en comunicación Luis Fraga. Tras a palestra e o debate actuará a cantautora galega Sheila Patricia. A inscrición para esta xornada xa está aberta a través da web de Fundación Paideia Galiza.

As seguintes achegas incluídas dentro deste ciclo terán lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Compostela e no Náutico de San Vicente do Grove. A primeira tratará "O contido audiovisual no éxito musical" con Karen Saurí, da axencia audiovisual CANADA, e con Jesús Guisado, do festival Monkey Week.

Fecharase o ciclo con "Desenvolvemento do talento no escenario dixital" coa recoñecida manager Rosa Lagarrigue e a experta en medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo.

A Fundación Paideia procura o intercambio, o debate e a reflexión entre as profesionais vencelladas á industria musical, ofrecendo ferramentas para o medre do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora. Neste caso, a temática dixital vén marcada polos tempos de pandemia e o crecente peso que as tecnoloxías están a acadar tamén no eido musical, mais moitas veces con difícil retorno nunha consideración máis comercial da industria.

Comentarios