Música no Valadouro para unha homenaxe colectiva a Miro Casabella

“Ceibar a Voz” é o título do concerto que se desenvolverá o vindeiro sábado 5 de xullo na praza de Santamaría do Valadouro en homenaxe ao músico Miro Casabella. A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz, e Pilocha participarán no acto organizado por varios colectivos culturais. 

Miro Casabella
photo_camera Miro Casabella

Será unha homenaxe colectiva, promovida por distintas asociacións e entidades da provincia co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo e a Concellería de Cultura de O Valadouro. Miro Casabella recibirá o vindeiro día 5 de xullo unha homenaxe e virá coa forma dun concerto no que participarán músicos como A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz ou Pilocha 

"A xornada iniciarase coa colocación dunha peza cerámica na súa casa natal e continuará cun xantar popular"

Amado Lar, Liga Céltica Galaica e O Mundo de Galea, de O Valadouro; Aventados, de San Cibrao; Buril, de Burela; Casa Hamlet, de A Coruña; Francisco Lanza, de Ribadeo, Irmandade San Caetano, de Celeiro de Mariñaos; Mariñapatrimonio, Ollomao, de Barreiros; Os Castros, de Cangas; e Pensamento e Sementeira, de Viveiro son algúns dos colectivos que participan na organización deste acto de recoñecemento ao cántante de Ferreira do Valadouro, un creador que vén sendo protagonista nos últimos meses de distintos actos, en especial na Mariña, de cara a esta homenaxe colectiva. 

Fundador de Voces Ceibes e autor de temas emblemáticos da música galega desde os setenta como o célebre “O meu país”, a voz inconfundíbel de Miro Casabella participará nesta xornada de homenaxe que, alén do concerto do serán, iniciarase coa colocación dunha peza cerámica na súa casa natal, continuará cun xantar popular no parque coa intervención e figuras da nosa cultura como Vicente Araguas, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Arturo Mogo ou David Otero. O libro-CD de Xan Fraga, “Miro Casabella e a nova canción galega”, será o agasallo de área de Cultura da Deputación para participantes. “Por ceibar a voz”, o concerto colectivo, porá fin á xornada. 

"Con esta homenaxe a Miro Casabella estamos pondo en valor o labor de recuperación democrática e de pensamento galeguista e nacionalista ao que contribuíron figuras da canción galega na época do tardo franquismo e a chamada transición”, afirmou o responsábel da área de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga.

Comentarios