Música, maxia e audiovisual na homenaxe anual a Manuel María na Coruña

A estrea do documental “Andei todos os camiños” de Anxa González, a voz de Pilocha e María Manuela e a maxia de Martín Camiña comporán a quinta edición do espectáculo “Lúas de Outono” que terá lugar o próximo día 19 na Coruña, para revivir a palabra e homenaxear ao escritor que faleceu hai nove anos na cidade. 

Lúas de outono
photo_camera Lúas de outono

Cada ano, por volta de setembro, a Fundación Manuel María homenaxea ao escritor na cidade na que morreu por estas datas hai nove anos. Desta volta, a cita é o día 19, cando o espectáculo “Lúas de Outono” regrese ao Teatro Colón ás 20.30 con entrada libre até completar o aforo. Música, audiovisual e maxia para atoparse de novo coa obra de Manuel María e para homenaxear ao escritor da Terra Chá que pasou os últimos anos da súa vida na cidade da Coruña. 

A Casa de Hortas, recén inaugurada e convertida en Casa Museo Manuel María, xa ten audiovidual que se dará a coñecer no espectáculo "Lúas de Outono". Desta volta, a poucos días de se ter inaugurado a casa natal do escritor en Outeiro de Rei estrearase un novo documental sobre Manuel María, creado arredor da Casa de Hortas na que o escritor naceu e que tanto quería. “Andei todos os camiños” realizado por Pixel Films baixo a dirección de Anxa González Refoxo é o documental que se estreará no espectáculo deste ano, un percorrido pola casa natal do escritor. Como camiñante que Manuel María era, pola vida, pola obra e por un país que percorreu aldea a aldea e que quería coñecer como a palma da man, como queda á vista na Casa de Hortas que acolleu a súa importante biblioteca, a colección de obras de arte alén de documentos e obxectos persoais do autor. A casa permanece aberta o fin de semana para o público en xeral e pola semana para escolares, previa cita. 

Pilocha e María Manuela

A música non pode faltar na homenaxe a un escritor que deu os seus versos para construír un sinfín de cancións, interpretadas en diferentes voces individuais ou colectivas, como quedou á vista no concerto que inaugurou a Casa Museo de Outeiro de Rei. Desta volta, no espectáculo conducido por Xurxo Souto, serán as voces de Pilocha e María Manuela, dúas das voces ben coñecidas que cantaron e fixeron cantar a través do seu repertorio a obra de Manuel María. 

Arredor do autor xirará, como todos os anos, “Lúas de Outono” e, desta maneira, o mago Martín Camiña que realizará números que teñen como motivo a figura do autor. Premiado en numerosos certames e recoñecido máis alá do noso territorio, Martín Camiña levou a súa maxia non só a todo o noso territorio senón a Portugal -onde foi premiado pola Asociación Portuguesa de Ilusionismo, Alemaña ou Xapón. 

A viúva de escritor e Presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goy, agradeceu á cidade da Coruña o cariño co que ela e o escritor foran recibidos cando se instalaron na cidade. “Este cariño séguese mostrando cada ano na numerosa asistencia a este acto e agardamos que tamén este ano se volva a producir”.

Comentarios