Música e luz nas actividades que celebrarán o XX aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

A deseñadora de iluminación Luísa Álvarez realizará unha acción lumínica en distintas portas da Muralla.

Muralla de Lugo 02
photo_camera Muralla de Lugo (Foto: Concello de Lugo)

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que desde a área de Cultura se organizan co gallo do XX aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, que terá lugar o vindeiro 30 de novembro.

A edil afirmou que “seguimos apostando polas actividades culturais de maneira segura para celebrar unha data tan importante para Lugo como o aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade do noso monumento máis importante”.

Organízanse tres concertos, con corais e coa Filharmónica de Lugo, e unha acción visual en distintos puntos da muralla en colaboración coa artista Luísa Álvarez.

As corais do Hospital, Solo Voces e Canter Delas darán un concerto desde o Auditorio Gustavo Freire a vindeira segunda feira ás 20:30. Baixo o nome 20 pezas para a muralla, as corais realizarán unha homenaxe á muralla, interpretando unha canción por cada ano da nova vida da mesma como patrimonio da humanidade.

A área de Cultura contará tamén coa Banda Filharmónica de Lugo para esta data. O sábado 5, ás 18 e ás 20 horas, a Filharmónica dará dous pases dun mesmo concerto en homenaxe á Muralla.

As entradas serán de balde e estarán a disposición do público a partir desta quinta feira 26 en entradaslugo.es ou na oficina de turismo. Cada persoa poderá adquirir un máximo de 2 entradas.

Entre o 27 e o 30 de novembro, as portas da Muralla ubicadas en Bispo Aguirre, San Pedro, Falsa, Miñá, Nova e Santiago acollerán a instalación lumínica A sombra da Muralla, deseñada pola artista Luísa Álvarez para conmemorar este aniversario. “

O broche final de A sombra da Muralla terá lugar na praza de Santa María o día 30, entre as 18 e as 22 horas, cunha instalación efémera de luz na que, baixo o nome de Trampa de Vagalumes, se agasallará cun vagalume de luz a cada  persoa que se achegue para contar coa participación da veciñanza nesta data.

Luísa Álvarez

Luísa Alvarez, considérase unha artista experimental utilizando a luz como materia prima. Despois de traballar no mundo da luz arquitectural lánzase ás rúas co seu proxecto creativo de instalacións efémeras urbanas.

Participou con diferentes traballos e propostas no Museo Guggenheim de Nova York, Museo de Arquitectura de Frankfurt e en diferentes Festivais de Luz internacionais, entre os que se atopan  Fete das Lumieres en Lyon, Glow Light Festival en Washington, Moscú light festival, Marina Bay Festival en Singapore, Light Festival en Shenzen, China e o Festival da Luz de Frankfurt.

Comentarios