Música e literatura para homenaxear a Luísa Villalta

Natural en calquera homenaxe a Luísa Villalta é que música e literatura, como na súa obra, se dean a man. A do domingo 28 organizada pola AELG na Coruña non é unha excepción. 

Luisa Villalta
photo_camera Luisa Villalta

A morte próxima cando aínda eran novas de Xela Arias e Luísa Villalta creoulles tamén un vencello que continúa na súa memoria. Pouco máis de medio mes despois de que homenaxeara a Xela Arias en Vilerma, na aldea de Sarria onde está a casa familiar, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega organiza o vindeiro 28 de setembro a homenaxe a Luísa Villalta na Coruña, a cidade vital da autora. 

A xornada comezará por volta das 11 horas coa colocación dunha placa na casa de Luísa Villalta, na  rúa Vila da Laxe da Coruña. A seguir, o Teatro Rosalía de Castro abrirá as portas ao encontro de música e literatura en homenaxe a unha creadora que era poeta, violinista, narradora e vencellou en distintas das súas facetas, en especial como ensaísta e poeta, a música e a literatura. "Volver a Luísa Villaltra. No outro lado da Música, a Poesía", é o título da homenaxe da AELG na súa cidade. 

Autores e autoras, maiormente da xeración dos oitenta mais tamén de xeracións anteriores e posteriores lerán textos na memoria da autora de Música reservada, Ao outro lado da música, a poesía, Música reservada, Ruído, A lingua dos sons ou A Música e Nós. Miguel Anxo Fernán Vello, Luz Pozo, Xavier Seoane, Dores Tembrás, Xulio Valcárcel, Eva Veiga, Marica Campo, Xosé Fernández Naval, Lino Braxe, Mercedes Queixas ademais dunha alumna do instituto de Sada, do que ela era profesora. A mantenedora do acto será a escritora Antía Otero. 

Comentarios