A música galega trunfa en Pontevedra

Músicos ao vivo entregou os galardóns nunha gala decorrida en Pontevedra mais que puido seguirse por streaming desde calquera punto do país. A organización gabou a riqueza dun sector que conta "cunha identidade única", afirmaron. Queres coñecer cales foron as bandas gañadoras?

A Banda Crebinsky recollendo o premio
photo_camera A Banda Crebinsky recollendo o premio

Presentáranse máis de 500 proxectos, porén só 39 puideron ser galardoados. A primeira gala dos Premios da Música --organizada pola Asociación de Músicos ao vivo-- deu boa conta do "rico" e "inmenso" que é o sector musical no noso país. Así o expresou o portavoz da Asociación, Xacobe Martínez Antelo, quen animou á industria e a administración a se sumaren ao trazado dunha estratexia que, dixo, faga "rendíbel todo o potencial da música galega". Unha riqueza que, entenden, emana da existencia dunha "identidade diferenciadora e única nun mundo globalizado". 

A gala tivo lugar no Pazo de Congresos de Pontevedra e foi conducida pola compañía de teatro, Chévere. Nela tamén estiveron presentes --para alén de centos de persoas vencelladas á música e bandas-- o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e María Garrido en nome das Adegas Martín Códax, patrocinador do evento. 

Eis os grupos gañadores: 

Pop e indie
Eladio y Los Seres Queridos 

Rock, blues, funk &soul
NARF 

Jazz e músicas improvisadas
Abe Rábade Trío 

Hip-Hop e músicas urbanas
Dios ke te Crew

Música clásica e contemporánea
Taller Atlántico Contemporáneo 

Folque
Berrogüetto

Música tradicional galega
Treixadura

Músicas do mundo
Banda Crebinsky

Música infantil
Mamá Cabra 

Electrónica
Das Kapital

Metal
Machina 

Reggae, ska&mestizaxe
Transilvanians

Orquestras, grupos e música de verbena
A Magnifique Bande

Homenaxe a toda unha vida dedicada á música
O Premio de Honra de Músicos ao Vivo foi parar a Antonio Cruz Arévalo “Peri” pola súa vida de compromiso coa música mesmo nos tempos máis difíciles cando a Igrexa prohibía tocar 45 días ao ano. Desde Músicos ao Vivo quixeron recoñecer a este batería que con 17 anos marchou da Galiza para procurar vida fóra e que hoxe é, segundo explicaron desde a oganización, unha parte dese "motor que leva tirando de tantos músicos xeracións tras xeracións". 

Comentarios