Organiza a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s

Música e folk con perspectiva de xénero en 'Tradición en feminino'

O vindeiro domingo 22 de novembro a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) levará a cabo en Rianxo unha nova edición das xornadas “Tradición en feminino”.
2016100810422041001
photo_camera A cantante Mercedes Peón participará nas xornadas. (Foto: Nós Diario)

“Tradición en feminino” é un evento co que a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s quere “reivindicar o enorme e imprescindíbel papel que tivo e ten a muller para a presentación e a transmisión da nosa riqueza cultural”. Un evento no que se van realizar obradoiros prácticos, charlas e mesa de debate.

“Tradición en feminino” arrancará cunha conversa con Eclíptica Órbita, máis coñecida como Maruxa dos Rosales, que se vai encargar de contar “en primeira persoa como foi o seu percorrido nun mundo que naquela época”, din desde a organización, “estaba constituído 100% por homes”.

Eclíptica, ou Maruxa, é rianxeira, cantareira e tamén tocou o bombo e a pandeireta no grupo que lle completa o nome e que foi un dos conxuntos máis célebres do municipio, Os Rosales de Asados.

A continuación terá lugar o obradoiro “Mulleres que contan. Obradoiro de recolla e posta en valor da música de tradición oral”, a cargo da percusionista de Cuarteto Caramuxo, Xulia Feixoo.

Na primeira parte do taller abordaranse conceptos relacionados co traballo de recolla: introdución ao método etnográfico, proceso de documentación e entrevista etnográfica.

Na segunda parte, estudaranse casos de posta en valor do patrimonio musical cunha perspectiva de xénero, co obxectivo de que as asistentes poidan tirar ideas para elaborar os seus propios proxectos.

A xornada da tarde dará comezo co relatorio "Tradicionalmente sen xénero", da man de Mercedes Peón e, de seguido, o coloquio "Perspectivas de xénero sobre a música tradicional".

O evento decorrer con capacidade limitada de espazo e en liña (a través do Facebook da asociación) para manter os protocolos fronte á Covid-19.

Comentarios