Música das esferas no Planetario da Coruña no ciclo Do Audible

A música das esferas sentirase no Planetario da Coruña este sábado 11 de outubro na nova tempada do ciclo de concertos do Audible, a iniciativa de Vertixe Sonora Ensemble. 

Stockhausen
photo_camera Stockhausen

O escenario é o acaído para un concerto de música das esferas. O Planetario da Coruña acolle a nova tempada do ciclo de concertos Do Audible que se inicia este sábado 11 de outubro ás 20 horas cun espectáculo dirixido por Vertixe Sonora Ensemble coa colaboración de Luís Nacenta. 

Que os corpos celestes emiten sons harmónicos sábese desde Pitágoras e Platón até as novas investigacións da Nasa e arredor deste tema xira a nova proposta de Vertixe Sonora para a Casa das Ciencias da Coruña, no seu ciclo Do Audible que se presenta como un encontro entre música, ciencia, arte e pensamento. A entrada ao concerto será gratuíta até completar o aforo no que a música mesturarase coa intervención do especialista en arte sonora Lluís Nacenta. 

Os sons dos signos zodiacais

Os signos zodiacais, reconstrución sonora da obra titulada Tierkreis de Karlheinz Stockhausen (1928-2007), serán a materia do programa a través da reinterpretación do compositor Ángel Faraldo. O Planetario ofrecerá no transcurso do concerto unha proxección do firmamento e representacións mitolóxicas das constelacións zodiacais. 

A música contemporánea e a súa difusión é o obxectivo do ciclo Do Audible, da Consellaría de Educación e Cultura e dirixido por Vertixe Sonora Ensemble. Despois do concerto do Planetario, o ciclo trasladarase ao Museo de Pontevedra para, o 14 de novembro, ofrecer o concerto “A música e o diabólico” con Distracfold Ensemble de Manchester como agrupación convidada. 
 
Vertixe Sonora impulsa xunto a Gare du Nord de Basel (Suiza), Institut für Elektronische Musik und Akustik – IEM de Graz (Austria), Sound and Music de Londres (Reino Unido), Sonic Arts Research Centre de Belfast, (Reino Unido) e Sofa Music de Oslo (Noruega), a rede europea 
CYCLOID.

Comentarios