A música contemporánea volve aos espazos da Coruña co Festival Resis

Decorrerá desde o vindeiro 22 de abril até o día 6 de xuño.
RESIS PRENSA FOTO
photo_camera Lacasa, Gómez-Chao, Do Castelo, Álvarez, Borrego e Couto. (Foto: Nós Diario)

Entre o 22 de abril e o 6 de xuño decorrerá en diversos espazos culturais da cidade da Coruña a IV edición do Festival Resis de Música Contemporánea. Un evento para o que desta volta se conta coa colaboración da Orquestra Sinfónica da Galiza (OSG) e no que se estrearán na cidade máis dunha trintena de obras de artistas referentes, delas 17 serán estreas absolutas e outras tantas oiranse por primeira vez na Galiza.

En relación coa colaboración entre o festival e a orquestra presentouse tamén Proxecto 20|21, no que se inclúen sete dos concertos que o público poderá gozar na programación do Resis. Este proxecto consta do encargo e da estrea na Coruña de obras de compositores e compositoras galegas recoñecidas a nivel internacional, cuxas obras serán interpretadas por grupos de cámara da propia  orquestra sinfónica.

Ademais do programa coa OSG, o Festival Resis contará con concertos como Mikrokosmos, de Roberto Oliveira; Realidade, de Pulso Ensemble; Sólidos e líquidos, do Grupo Ixor, integrado no proxecto educativo do festival; o concerto para piano Telescope, que contará coa intérprete Elisa Vázquez Doval; ou o concerto Ombra di suono, do Cuarteto Matrice.

Como feche para esta edición do Festival de Música Contemporánea desenvolverase o concerto "Gran Torso", que decorrerá no Teatro Colón coa estrea na Galiza de Jalons, obra cume do compositor Iannis Xenakis, referente da vangarda musical europea do século XX. 

As obras Erlantz de Ramón Lazkano e Tres pinturas imaxinarias de Alberto Pousadas soarán por primeira vez no noso territorio. Mais tamén o director do festival e compositor, Hugo Gomez-Chao, presentará a súa última obra Agón, para grande ensemble, que fechará o programa dirixido por Nacho de Paz e interpretado polo grupo Vertixe Sonora Ensemble.

A creación vangardista tamén estará presente no Resis na xornada inaugural coa videoinstalación "Formas da aparencia" de Verónica Vicente. O evento será o 22 de abril ás 20.30 horas na Fundación Luis Seoane. O acto inaugural estará conducido pola actriz Chus Álvarez, que se encargará de introducir tamén os diferentes concertos. 

A presentación tivo lugar na sala de exposicións Palexco e contou coa presenza do deputado de Cultura Xurxo Couto, o director do Festival Resis Hugo Gómez-Chao, o xerente da OSG Andrés Lacasa, a escenógrafa Iria Do Castelo, a actriz Chus Álvarez e o tenente de alcalde Juan Ignacio Borrego.

Comentarios