A música contemporánea chega ás cidades de Pontevedra, Vigo e Tui

Este sábado comeza o Festival Vertixe Sonora.
Cartel promocional do evento. (Foto: Vertixe Sonora)
photo_camera Cartel promocional do evento. (Foto: Vertixe Sonora)

O Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora volve na súa novena edición ás cidades de Vigo, Pontevedra e Tui, para presentar as propostas máis  rompedoras da creación musical actual. apostando polo diálogo entre as artes coa música como canle principal. 

Este sábado, ás 17 horas, na igrexa monacal de San Francisco de Pontevedra, vai dar comezo esta nova edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea, que inicia a súa andaina con UMS'n JIP, dúo suízo formado por Javier Hagen (contratenor e electrónica) e Ulrike Mayer-Spohn (frautas de pico e electrónica) que interpretarán Tres Voces do compositor estadounidense Morton Feldman (Manhattan, Nova York, 1926 - Buffalo, Nova York, 1987). 

Tres voces é un canto á amizade a dous amigos desaparecidos: o pintor Phil Guston (Montreal, 1913 - Nova York 1980) e o poeta Frank O'Hara (Baltimore, 1926 - Long Island, 1966).

Explica el mesmo: “Un dos meus amigos máis próximos, o pintor Philip Guston, acababa de morrer; Frank O'Hara morrera varios anos antes. “Concibín a peza con Joan diante e os dous altofalantes atrás dela. Hai algo de lápida no aspecto dos altofalantes. Por iso pensei na peza como un intercambio da voz en directo cos mortos: unha mestura de vivos e mortos”.

Nas vindeiras semanas, outros sete concertos terán lugar en diversos espazos de Vigo, Pontevedra e Tui, aposta polo diálogo entre as artes coa música como canle principal converte ao Festival Vertixe Sonora nunha das citas de referencia da creación contemporánea europea

Vertixe Sonora

Vertixe Sonora defínese como "un colectivo flexible que integra solistas de importante traxectoria no ámbito da música contemporánea na Galiza". O conxunto favorece un espazo aberto á reflexión, discusión e intercambio na música contemporánea.

Xorde co afán de manter unha estrutura estable de encomendas, favorecer a creación de producións musicais de actualidade e dinamizar o espectro sonoro contemporáneo desde o vértice peninsular dunha forma que resulte significativanunha perspectiva internacional.

A partir dunha conciencia da multiplicidade no achegamento ao sonoro estabelece un constante diálogo e interacción co pensamento, a ciencia, a tecnoloxía e outras formas artísticas da contemporaneidade desde unha óptica cosmopolita, integradora e transcultural que non renuncia nin ao rigor, nin á transgresión do espírito de vangarda. 

Comentarios