domingo 07.06.2020
Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Miriam, enfermeira de UCI

Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus. 
Música para o confinamento: as 7 cancións de Miriam, enfermeira de UCI

No Nós Diario seguimos coas propostas musicais para quedar na casa e colaborar entre todas a reducir os contaxios de coronavirus no país. Neste caso contamos coa achega de Miriam García de Castro, enfermeira de UCI no Hospital Povisa de Vigo que, como a médica de urxencias Inés López, está na primeira liña todo o ano; tamén en tempos de pandemia pola COVID-19.

Indestructibles, de La habitacion roja

"Nada ten que ver a temática orixinal deste tema, inspirado na relación do vocalista da formación coa sua muller, coa situación actual que vivimos... pero dalgunha maneira fai que frases tan reveladoras como Caímos como piezas de un dominó / Que alguien que no conocemos colocó me leven a identificar a falsa creencia de que eramos unha sociedade indestructible cada un por o seu lado, independentes... do que agora, dalgunha forma, parece que chegamos a ser mais conscientes: debemos estar unidos ante unha adversidade común coma esta", asegura Miriam.

Dinamita, de La Bienquerida

"Persoalmente tomo esta canción como unha sinal de empoderamento, decidida a meterme na boca do lobo e a asumir riscos que outras persoas non estarian dispostas. Ben certo é que cando estás estudando na universidade para ser enfermeira sabes onde te estás a meter, aínda que nunca imaxinas que vai a haber unha epidemia mundial na que o teu papel, e o dos teus compañeiros profesionais, vai a ser imprescindible. A fin de contas, nós tamén nos sentimos moi vulnerables, igual que o resto da sociedade, pero non nos queda outra que, con valentía, tirar cara a diante".

Punto sin retorno, de Vetusta Morla

"Hay un umbral, hay, un punto sin retorno / Sea o no el final, quítame el disfraz. Así comeza a letra deste tema da banda madrileña, punto no que penso nos atopamos desde o comezo deste confinamento no que estamos inmersos, punto sin retorno no que hay que cumprir e non hai lugar ás dúbidas. Cando isto remate todos imos ser la llaga, la venda y el dolor, como di a canción, que como sociedade debemos ser capaces de superar".

Lucha de gigantes, de Love of LesbianZahara

"Orixinalmente é un tema do gran Antonio Vega, cunha controvertida temática que deixa lugar a diversas interpretacións; neste caso reinterpretada pola banda Love of Lesbian e a cantante Zahara. Hai partes da letra co as que me identifico neste momento actual: Siento mi fragilidad, a miña propia e de toda a sociedade que estamos implicados nisto; corriendo con una bestia detrás, esa bestia que aínda que é invisible, polo momento, parece incontrolable e que vai un paso por diante noso".

Talk, de Coldplay

"A letra deste tema de Coldplay lévame a pensar que é o que pasará no futuro, a ansia de saber que é o que nos espera mañá. Como se resolverá isto, se isto quedará nun mal soño ou se é o que nos espera pasar en máis ocasións nun futuro e acabará por marcar unha nova liña de actuación nas nosas vidas".

Atlantic, de Keane

"Canción de 2008 da banda Keane que, persoalmente, é unha das miñas favoritas. Cunha base instrumental que me marabilla e que me evoca moitos sentimentos diferentes. Inmersa nun preludio tenebroso e de soidade coa búsqueda dun lugar no que sentirse acompañado e reconfortado, mentres chega a vellez que remata co inicio dun novo dia e deixando todo o anterior como se de un mal soño se tratara".

Fábrica de Luz, de A banda da Loba

E por último, as cantautoras galegas de A banda da Loba. "Esta canción pódese comparar coa forma en que se pon en marcha un gran sistema a base de pequenos graniños de area, como todo o que se está facendo entre todos para alcanzar un obxectivo común estes días", di Miriam.

Para escoitar todas as cancións seguidas, aquí vai unha listaxe: 

comentarios