Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Ledicia Costas, escritora

Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus. 
Ledicia Costas (Xerais).
photo_camera Ledicia Costas (Xerais).

A COVID-19 xa forma parte do noso vocabulario e a corentena vai pesando... Mais a Cultura, nas súas diferentes manifestacións, é a que nos permite ir onde queiramos sen movernos da casa.

Sábeo ben a escritora Ledicia Costas, que segue recollendo os parabéns das lectoras pola súa novela Infamia (Xerais). Con ela emprendemos esta viaxe onírica a través da música

Desesperadamente, de Amaro Ferreiro

"Escollo este tema porque é unha canción que entra directa na caixa do peito, agarra o corazón e elabora con el formas fascinantes, coma quen moldea un anaco de arxila. Tamén porque o seu último disco, Personajes Secundarios está a facerme compaña durante esta época tan estraña. É magnífico", di Ledicia.

Pyramids, de Frank Ocean

"É un tema que ten tantas capas que chega un punto que non sabes onde te vai levar. Intenso, sensual e fresco. Unha viaxe de adrenalina."

Cellophane, de FKA Twigs 

"Pura poesía. FKA Twigs fai o que quere coa voz, pero neste tema chega a lugares imposibles. É esgazadora e tenra a un tempo. Unha viaxe interior que che deixa sen alento."

Laura Palmer’s Theme, de Angelo Badalamenti

"A terceira temporada de Twin Peaks é unha obra de arte, cunha banda sonora á altura do que requiría unha produción coma esa. Esta canción leva acompañándome moitos anos, mais agora ten para min un significado especial. Doe e reconforta a partes iguais."

Lump Sun, de Bon Iver

"Vernon compuxo o álbum For Emma, Forever Ago pechado nunha cabana nun bosque de Wisconsin. Illado do mundo, con recursos precarios e unha paisaxe interior absolutamente devastada polas propias circunstancias, creou esta marabilla. É insultantemente bela."

Lady, de Chromatics

"Cada canción de Chromatics semella un anacronismo. Os sintetizadores e a voz de Ruth Radelet fan unha especie de conxuro e, de súpeto, é coma se estiveses nunha discoteca de Portland nos anos 70. Ou correndo a través dunha rúa, nunha distopía de replicantes e neon." 

Cuarentena sin ti, de Joe Crepúsculo

"Calquera que prema o play, saberá por que escollín esta canción: 'Ya no soporto esta cuarentena sin ti'."

Aquí a listaxe para escoitar todas as cancións: 

Comentarios