Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Isabel, traballadora do 112

Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus. 

Agora que temos a confirmación de que o confinamento vai durar vinte días máis, tamén temos a oportunidade de escoitar a Isabel Moares, que traballa na central de emerxencias da Xunta da Galiza, o 112, e estes días ten un traballo aínda máis intenso pola crise sanitaria da COVID-19.

"Estes días estamos vivindo momentos que nunca antes vivimos e que agardo que non se volten repetir. Na nosa central seguimos traballando 24/7 xestionando e coordinando as emerxencias que seguen ocorrendo no noso país, porque segue habendo accidentes, incendios, agresións, malos tratos, persoas en perigo, desaparecidos… 

Por iso, cando recibín o convite para seleccionar sete cancións que estou escoitando durante esta corentena, sentín unha grande emoción, podía facer algo diferente ao que estou facendo todos estes días: ir a traballar e sobrelevar, da mellor maneira posible, este caos que nos rodea. 

Foi difícil, fixen e refixen a lista en varias ocasións, xa que non era capaz de reducir soamente a sete artistas as cancións que vou escoitando nestas circunstancias. Realmente, case todas elas, están dentro unha lista de reproducción de Spotify que levo moitos anos argallando e que se chama Movidillas. Apetéceme escoitar música alegre, divertida e que me faga esquecer todo o sinsentido que nos tocou vivir. Por iso, case todas elas son cancións moi vitalistas e cun fondo de festa e alegría característico". 

Ya Nas, de Bachar Mar-Khalifé

"A combinación de estilos e ese toque exótico fanme desfrutar moito desta canción", conta Isabel.

Princess Crocodile, de Gry, FM Einheit

"Con reminiscencias ás músicas das Big Bands dos anos cincuenta. Ten un ritmo moi bailable e animado."

Think, de Aretha Franklin

"Grande muller, grande voz. Toda esta situación lévame a pensar en moitas cousas. Liberdade!!!!!"

La cuerda floja, dos Tiki Phantoms

"Carismáticos e curiosos. Encántanme. Dánme vidilla e moita alegría."

On ne meurt plus d'amour, de Robi

"Esta si que me flipa. Podo bailala ata caer. Préstase a bailar disfrazada, facendo o tonto ou con moita sensualidade. Moi versátil."

Unha mañá de setembro, de Sés

"Este disco acompáñame sempre cando vou para traballar e esta canción, en concreto, méteseme dentro e sae toda a dor que levo dentro por mor da situación de corentena que estamos a vivir xa que non vexo ao amor da miña vida, a miña filla de 5 anos, dende hai demasiados días. Está lonxe pero sempre na miña mente." 

O baile de Noró, de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre

"Este disco tamén é dos que me acompañan cando vou no coche. Cancións alegres e animosas que fan que o meu camiño ao traballo, ou cando volto del, sexa máis levadeiro."

E para escoitar todas as cancións, aquí a listaxe: 

Comentarios