Música antiga para homenaxear a Castelao no seu cabodano


Este sábado a Fundación Castelao lembra o de Rianxo cun acto en Bonaval que rematará cun concerto do grupo de música antiga 1500.

A Fundación Castelao organiza, como cada ano, un acto de homenaxe ao político, escritor e artista, Daniel Rodríguez Castelao, no día do seu pasamento, hai agora 66  anos. O acto terá lugar o sábado 7 de xaneiro, ás 17.00 horas, na igrexa de San Domingos de  Bonaval e, desta volta, contará cunha pequena actuación musical a cargo do Grupo de Música Antiga 1500, formado por María Giménez, Belén Bermejo, Andrés Díaz e Víctor Blanco. 

No acto estará presente o presidente da Fundación, Carlos Mella, o seu vicepresidente, Miguel Anxo Seixas, e padroeiros da Fundación canda outras personalidades convidadas. Ademais da tradicional ofrenda floral, nenas e nenos de Rianxo, participarán coa lectura dunha selección de textos do autor homenaxeado.

O acto estará amenizado por unha selección musical do Grupo de música antiga 1500, que interpretará cantigas de Santa María, canda unha versión da tradicional Foliada de Negreira, unha das obras preferidas do polifacético autor e que o propio Castelao cantaba nos seus ensaios coa Coral Polifónica de Pontevedra, versión na que se empregarán instrumentos antigos.