CULTURA

Os museos da Galiza prevén abrir o día 18 cun terzo da súa capacidade

Aínda que está prevista para a fase 1 do desconfinamento, haberá que esperar até polo menos até o día 18 para as visitas presenciais aos museos do país. Mentres, moitos deles manteñen a posibilidade de acceder a contidos na rede.
Mostra sobre Baldomero Pestana na Cidade da Cultura (EP/arquivo).
photo_camera Mostra sobre Baldomero Pestana na Cidade da Cultura (EP/arquivo).

Haberá que agardar até o día 18, polo menos, para volver entrar aos museos da Galiza. A súa apertura está prevista na fase 1 do plan de desconfinamento orquestrado polo Goberno español, que comezou na pasada segunda feira, máis haberá que agardar para visitar estes espazos presencialmente. 

Se todo progresa ao ritmo agardado, a vindeira segunda feira comezaría unha primeira fase, segundo o borrador do protocolo de museos, bibliotecas e arquivos da Xunta, que aínda está sometido ás alegacións dos sindicatos.

Nesta fase, de dúas semanas de duración, vaise ir incorporando parte do persoal que determine o protocolo xeral da Xunta e abriranse os museos até un terzo da súa capacidade en cada un dos seus espazos públicos e salas.

Venda de entradas online

Sempre que sexa posíbel, fomentaranse sistemas de venda de entradas non presenciais. Estará prohibido que o público toque calquera elemento da museografía, incluso os que habitualmente se poden tocar.

As visitas serán individuais, entendendo esta individualidade non como unha única persona, senón como "unha familia ou unidade de convivencia". Non estará permitida a reserva a grupos.

Haberá dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes para o público así como medidas de separación entre traballadoras e usuarias. A consigna non estará aberta. 

Terceira fase dos museos

Após unha segunda fase sen cambios de relevancia, haberá que esperar á terceira fase (a terceira das quincenas, se todo progresa cada dúas semanas), é dicir, ao día 15 de xuño, para a apertura dos museos á metade da súa capacidade en cada un dos espazos públicos e salas.

Nesta fase poderán empezar a organizarse "excepcionalmente" actividades grupais, sempre que se garanta a distancia interpersoal de seguridade e as medidas de protección axeitadas. E seguirase fomentando o sistema de venda de entradas non presencial.

Comentarios