luns 25.05.2020
Cultura

Museos e bibliotecas inician a súa reapertura

Esta semana iniciouse a reapertura de museos, bibliotecas e arquivos, un proceso de desconfinamento que terá tamén progresivamente lugar en tres fases.
O Centro Galego de Arte Contemporánea recibiu 
o día da súa reapertura 
por volta de 50 visitantes.
O Centro Galego de Arte Contemporánea recibiu o día da súa reapertura por volta de 50 visitantes.

Bibliotecas, museos e arquivos comezan esta semana a abrir progresivamente as súas portas. A Xunta da Galiza vén de publicar un protocolo que complementa o decreto estatal regulando as actuacións nesta materia, no que se contemplan até tres fases de transición á nova normalidade, cunha duración de dúas semanas cada unha, cando menos. Desde o pasado 11 de maio teríase posto en marcha unha estancia preliminar de preparativos, tras a que algúns centros están entrando na primeira etapa do plan.

Museos

Hai museos que están a abrir xa ao público coa limitación de capacidade a un terzo. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) é un deles, accesíbel desde esta terza feira. Segundo explica a Nós Diario a súa responsábel de prensa, Carmen Hermo, no primeiro día recibiron arredor de medio cento de visitantes, unha cifra que valora positivamente atendendo ás condicións actuais. "Non somos un museo de masas", comenta, polo que non considera que vaia resultar especialmente complicado adoptar as medidas oportunas para manter a seguridade.

Hai museos que están a abrir xa ao público coa limitación de capacidade a un terzo

O imperativo de "non tocar" volverase máxima xeralizada, mesmo naqueles obxectos que antes estaba permitido manipular. Durante esta primeira etapa non é posíbel a reserva de grupos, mais dentro da visita individual inclúense unidades familiares ou de convivencia. Tampouco se poderán realizar actividades culturais nin educativas de carácter presencial, nin haberá materiais de consulta a disposición das persoas usuarias, pois estes serviranse baixo demanda.

A atención ao persoal investigador terá lugar preferentemente de forma telemática, aínda que no caso de ser imprescindíbel contémplase a vía presencial con cita previa. Toda a documentación á que accedan deberá quedar en corentena durante 10 días, como mínimo, antes de ser empregada de novo, fin para o que se habilitará un espazo específico.

Ademais, os lugares de atención ao público disporán de medidas de barreira entre traballadoras e usuarias, e non estarán dispoñíbeis os servizos de consigna. As persoas que accedan ás instalacións deberán respectar sempre as recomendacións das autoridades sanitarias, tendo que desinfectaren as mans ou as luvas con solución hidroalcólica ou outros produtos autorizados, que se proporcionarán nun espazo especialmente habilitado nas zonas de acceso -medida común ás bibliotecas. O uso de máscaras queda marcado por norma, tal e como recolleu onte o Boletín Oficial do Estado (BOE), nos espazos en que non se poida manter a distancia interpersonal mínima de 2 metros.

Na fase dous manteranse aínda todas estas medidas, mais flexibilizando progresivamente a consulta de materiais para as usuarias. Na terceira etapa, os museos abrirán á metade da súa capacidade. As actividades continuarán a ser "preferentemente dixitais" e naqueles casos nos que sexan grupais, excepcionalmente de maneira presencial, garantirase sempre a distancia interpersoal e as medidas de protección axeitadas. Hermo explica que o CGAC xa trasladou o total dos seus obradoiros ao espazo online. A medida que sexa posíbel, tamén pensan en aproveitar espazos máis amplos do complexo, como o auditorio, para sacarlle o maior partido dentro das limitacións.

Hermo explica que o CGAC xa trasladou o total dos seus obradoiros ao espazo online

Outras institucións, como o Museo do Pobo Galego, comezan a recuperar a actividade presencial de parte do persoal, mais traballan de cara a unha reapertura a comezos de xuño. Este é o caso tamén do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), que ten fixado o día 2 do vindeiro mes como o momento de reencontro co público.

A Rede Museística de Lugo permanece aínda fisicamente fechada, o que non implica que non estean a traballar intensamente e en contacto permanente coa comunidade, non só a través das redes sociais -ao cabo, un medio máis do que a institución é pioneira-, senón mesmo con actividades en residencias de maiores.

Para Encarna Lago a reapertura dos museos ten que ser "sostíbel" e "inclusiva"

A súa xerente, Encarna Lago, apunta a necesidade de "pór as persoas no centro", quer traballadoras quer usuarias, e garantir a seguridade de todas no museo cando se leve a cabo a reapertura "sostíbel" e "inclusiva". Ademais, chama a non esquecer na volta á actividade física colectivos como grupos de risco ou as persoas con discapacidade.

Bibliotecas

As diferentes bibliotecas públicas tamén abriron as súas portas esta segunda feira. María Sol González Regal, directora da Miguel González Garcés (A Coruña), explica como nesta primeira fase se atopan unicamente facendo préstamo e devolución de materiais baixo demanda, sen que as usuarias teñan acceso directo aos fondos. As solicitudes poden facerse por teléfono ou a través dun formulario web, recibindo os pedidos no domicilio ou recolléndoos na institución. Os materiais deben pasar 14 días de corentena unha vez retornados. Segundo conta González, están rexistrando especial incidencia das chamadas telefónicas.

Con todo, a situación que describen desde a biblioteca Ánxel Casal é diferente. "Case non estamos tendo traballo", comenta Helena Carro, unha das empregadas que volveu á actividade presencial, advertida da reincorporación con escasa antelación, a sexta feira 15 de maio. Como delegada sindical da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) traslada a indignación do persoal ante un proceso de desconfinamento que considera precipitado e con "vontade electoral".

Segundo explica, é complexo manter as distancias de seguridade e en moitos centros non se respectan as quendas rotativas previstas para o persoal público, denuncia tamén feita pola Central Intersindical Galega (CIG) e outros sindicatos. Doutra banda, as empregadas en contacto co público son instadas a desinfectaren os equipos, un labor que non lles correspondería. Ademais, boa parte do persoal atoparíase en grupos de risco que non se están a respectar, baixo o pretexto de que "os centros culturais son de exposición mínima", critica Carro. Por todo iso, observa con especial preocupación o paso ás seguintes fases.

De momento, a lectura e consulta en sala permítese só para fondos non susceptíbeis de préstamo a domicilio, como algúns materiais de fondos antigos ou especializados, sempre con redución de acceso a un terzo da capacidade da sala e en casos nos que se considere oportuno. Igual que nos museos, non se realizarán actividades culturais, de estudo en sala ou de préstamo interbibliotecario, nin se poden empregar os medios informáticos de uso público.

Coa entrada na segunda fase xa será posíbel realizar a lectura e consulta, con cita previa, na sala específica habilitada, cunha limitación dun terzo da capacidade. As usuarias pasarán ao espazo en horario quer de mañá quer de tarde, co fin de dar servizo ao maior número de persoas. Porén, o acceso directo aos fondos aínda non será posíbel.

As diferentes actividades de dinamización serán preferentemente dixitais, con potenciamento dos clubs de lectura virtuais. No caso daquelas que se leven a cabo de maneira presencial, deberán garantirse as medidas de seguridade, sen que a capacidade das salas supere o terzo do aforo e exceda as 50 persoas. Ademais, estes eventos  -conferencias, exposicións, formación...- só poderán dirixirse a maiores de 12 anos. Cando se  dispoña dun sistema de desinfección, facilitarase o préstamo de equipos telemáticos.

Na fase tres do protocolo, habilitarase, baixo demanda, a lectura e consulta en sala, así como o servizo de hemeroteca, sempre e cando se dispoña de medios de desinfección tras cada uso. Permitirase tamén, a partir dese momento, o acceso a todas as salas respectando as medidas de seguridade e de distancia interpersoal. Porén, se existen fondos nestes espazos manterase a prohibición de consulta directa por parte das usuarias, que terán que solicitar sempre a manipulación ao persoal bibliotecario.

Nesta última fase, permitirase o préstamo intra e interbibliotecario, así como o uso de espazos comúns -por exemplo, salas de reunións- até un máximo da metade do aforo. As usuarias poderán empregar os dispositivos electrónicos do centro, que se limparán e desinfectarán despois de cada uso, ao tempo que se prestarán ordenadores e outros medios telemáticos das bibliotecas.

comentarios