40 anos

O museo vivo de Xacarandaina

Xacarandaina é un dos grupos folclóricos decanos de Galiza. Fundado hai 40 anos na Coruña, polas súas fileiras pasaron algúns dos máis significados músicos folk. O seu labor de recollida e divulgación da memoria musical convértena nunha sorte de arquivo con vida. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 344 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto_2
photo_camera [Imaxe: Xacarandaina]

mini_3Alguén contounos: ‘Hai unha señora en San Martiño de Moldes, en Melide, que sabe bailar, os puntos, os protocolos...’. Saímos disparados para alí. Decatámonos de que había moito por facer. Abríase unha porta que aínda non se pechou”. A porta conducía ao frondoso e en boa parte inexplorado mundo do folclore galego. Era 1982 e o relato cóntao Quique Peón (A Coruña, 1963), daquela 18 anos e acabado de estrear á fronte do grupo de música e bailes tradicionais de Xacarandaina. A asociación cultural coruñesa, pioneira na recollida e divulgación das artes sonoras populares, vén de facer 40 anos.

Arquivo que respira, museo vivo, universidade folclórica, Xacarandaina naceu da man dos profesores Rosi Ares e Lino Rivas, de Coros e Danzas da Coruña. Desa asociación importaron os primeiros bailes, xusto antes de comezar as súas propias investigacións. Cumpría viaxar ás fontes, das que aínda manaba abondosa auga, e embotellala para conservala. Sobre ese abono imprescindíbel poderían logo medrar as mil e unha plantas do folk galego. Proba desa tese atópase na nómina de músicos hoxe célebres que pasaron pola agrupación: Bieito Romero de Luar Na Lubre, Sés, Xabier Díaz, Mercedes Peón, Xurxo Fernandes de Radio Cos. Son medio milleiro de persoas en total, calcula Quique Peón, as que fixeron parte do grupo principal. Na actualidade, outras 600 aprenden nas escolas de baile e música, que acaban por nutrir o principal. 

O impacto da recollida

Xabier Díaz (A Coruña, 1969), criado en Fene pero apenas un adolescente fillo de obreiro do naval sometido a regulación cando foi vivir á Coruña, lembra sobre todo “o impacto” de ir ás aldeas recoller música tradicional. “Descubrilo foi fundamental, seduciume, e botei case dúas décadas facendo traballo do campo”, di a Sermos Galiza este músico, cuxo disco Noró (2018) coas Adufeiras de Salitre figura entre o máis celebrado do folk recente. Díaz tiña 18 anos e o seu ingreso en Xacarandaina tamén lle serviu para se adaptar na cidade.
“Botei sete anos e formei parte de todo: fun bailarín, estiven no grupo de gaitas, cantei como pandeireteiro”, fai memoria, “e coñecín moitos amigos e amigas, algunhas das cales aínda hoxe o son”. Xacarandaina defendía, e defende, unha concepción integral do folclore, en que a música e o baile e o vestiario son pezas que dificilmente se entenden por separado. E que desde a agrupación se esforzan por restaurar e conservar “en toda a súa pureza”. 

“A nivel folclórico hai que ser puro, mesmo un pouco talibán. O traballo debe ser museístico. Museístico e vivo”, afirma, divertido pero en serio, en declaracións a Sermos Galiza, Peón, que dirixe o grupo de música e bailes tradicionais desde novembro de 1982. Nos eternos debates entre continuidade e renovación, entre etnografía e evolución, ten clara a función e o papel de Xacarandaina. “A agrupación achega a esencia mesma, a cerna, a alma, o máis íntimo e o máis grande da música galega”, explica, ao tempo que concede a máxima importancia ao baile, “a primeira das belas artes. Antes de falar, o ser humano bailaba”.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 344 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios