Entrevista a Manuel Vilar

"O museo ten que explicar o que é a sociedade galega actual, niso traballamos"

Manuel Vilar (Muxía, 1956) coñece o Museo do Pobo Galego practicamente desde a súa inauguración, en 1977. Primeiro como visitante habitual, máis tarde como socio e colaborador. A partir do mes de xullo, será o director da institución que, entre outras cousas, mantivo a memoria do Seminario de Estudos Galegos. A apertura nacional –“non pode ser unicamente un museo de Santiago”–, a relación entre patrimonio e democracia, e dar conta da Galiza actual son as súas primeiras e principais preocupacións. Eis un extracto da conversa, publicada no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza.

Manuel Vilar
photo_camera Manuel Vilar

6_FS_EntrevistaImpón chegar á dirección dunha institución tan emblemática?

Impón, impón. Son o terceiro director en 40 anos. Primeiro foi Antonio Fraguas e logo Carlos García Martínez. Fraguas é un personaxe agradábel. A xente que o coñecía sentía unha certa atracción cara á súa humildade e á súa maneira de ser. Á parte, é un referente na antropoloxía na Galiza. O seu traballo foi importante, sobre todo nos anos escuros. El tivo un traballo quizais menos importante que Xaquín Lorenzo, Xocas, no vínculo coa vida do museo. Porque Xocas foi o que colaborou máis activamente na creación do museo do Seminario de Estudos Galegos. Fraguas tamén era membro do Seminario, pero dedicábase máis a outras cousas. En todo caso, foi unha persoa importante para dar continuidade a esa tradición. Esa xente creou un museo importante. Queremos ter un país cunha cultura normalizada e daquela debemos ter un museo onde nos recoñezamos nunha cultura. E esa cultura non só ten pasado, tamén que ter un futuro. Do contrario, ese museo non ten sentido.

O Museo do Pobo Galego é un museo privado pero cunha importante función pública. Cal é?

A función do Museo do Pobo Galego é ser un museo nacional. Todos os países teñen. O museo como institución é un concepto moderno, da modernidade europea. O museo nace no contexto da Ilustración, da Revolución Francesa. Esas cousas que antes tiña a monarquía, a alta nobreza, os coleccionistas, agora son mostras da memoria dun pobo, un elemento pero ensinar cidadanía. A tradición galeguista bebe deses conceptos. Precisamos algo que nos identifique e valoralo. Cando en 2004 lle dedicaron o Día das Letras Galega a Xocas houbo quen dixo: “Non ten moita obra”. Non, non é un creador, pero a obra de Xaquín Lorenzo é mostrar as cousas da vida cotiá da xente, que son documentos da nosa historia. O labrego, o mariñeiro, que nunca tivo quen lle escribise a historia, agora ten quen lla conte a través dos obxectos, que os seus documentos. Un exemplo son os museos de Gales, que pasaron de ser museos de folk life [vida popular] a ser museos da historia de Gales. Son os museos que contan a historia. Non a historia grandiosa, non a historia das grandes batallas nin dos grandes heroes, senón a historia da sociedade, da xente anónima, que é fundamental.

A historia desde abaixo, que dicía o historiador Edward Palmer Thompson.

Efectivamente.

O activismo galeguista creou institucións para suplir a ausencia de estruturas políticas propias.

Esa é unha lectura política. Se nós non temos institucións, non existimos. Temos que crealas. Teno dito o presidente do Padroado, [o historiador] Justo Beramendi: a sociedade civil creou a Real Academia Galega, creou o Seminario de Estudos Galegos coa intención de modernizar a investigación e prestixiar a nosa cultura, e a terceira institución importante nesa secuencia é o Museo do Pobo Galego. Enlaza con esa tradición que vén de vello, desde que tomamos conciencia de que somos un pobo.

A idea de museo nacional é necesaria?

Esa idea condiciona a estrutura do Museo do Pobo Galego, que é ser aberto, para toda a cidadanía. No Padroado están representadas as diferentes tendencias políticas, xente importante da cultura, e diferentes institucións. Non quixo ser o museo dun grupo ou dunha determinada tendencia. Todos somos galegos e galegas, temos unha sociedade plural e aberta ao mundo. Tamén digo que cando o museo abriu as portas en 1977 era un museo de actualidade. En 40 anos a sociedade galega mudou moito e temos que actualizar o discurso do museo, adaptalo á sociedade do século XXI, que non é a mesma que saía do franquismo.

Tomará posesión a inicios de xullo. Ten algunha prioridade urxente?

A miña prioridade primeira é poñerme ao día, porque aínda que vou polo museo, non estou no día a día. Poñerme ao día e escoitar o persoal. As prioridades véñenme xa marcadas. Estamos nun proceso de ampliación de salas e de ampliación de discurso e iso vai condicionar a actividade. Cómpre actualizar o discurso e facer que o museo chegue a máis xente, a máis sociedade. Outra eiva –até certo punto– é que moita xente pensa: “Eu vivo en Lugo. Que me importa a min o Museo do Pobo Galego que está en Santiago?”. É un museo que está en Santiago pero non é só para xente de Santiago nin para os turistas que veñen a Santiago. Para eles tamén, pero é para todos os galegos e galegas que viven en Galiza ou fóra de Galiza. E tamén para os doutras nacionalidades que queiran visitalo.

[Podes ler a conversa íntegra no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios