O Museo Provincial de Lugo expón a cabeza de Narla

Un particular doou a figura á institución provincial.
A directora do Museo, Aurelia Balseiro, mostra a peza a Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación.
photo_camera A directora do Museo, Aurelia Balseiro, mostra a peza a Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación.

O Museo Provincial de Lugo ven de recibir a través dunha doazón particular “a cabeza de Narla”, unha peza arqueolóxica representativa da cultura castrexa que, mediante este ingreso, se mostra por primeira vez ao público. A figura exponse desde esta sexta feiras na sala 9 da sección de Arqueoloxía do Museo de Provincial de Lugo, que nas vindeiras datas programará actividades para dar a coñecer a historia e o valor da peza.

A doazón abre así mesmo unha nova etapa no estudo e na investigación da peza e da plástica castrexa, a fin de determinar máis polo miúdo as características, paralelismos, cronoloxía ou historia deste ben cultural. 

Trátase da figura dunha cara, adosada a un cilindro de granito, de testa lixeiramente abombada, nariz triangular algo mutilada e unha incisión, que correspondería á boca. Nos laterais e por abaixo corre unha  liña continua indicando o remate das queixadas.

A primeira referencia que se ten sobre esta peza é do ano 1956 cando Blanco Freijeiro publica en Cuadernos de Estudios Galegos  o artigo “Cabeza de un castro de Narla. Notas sobre el tema de la cabeza humana en el arte céltico”; neste traballo di que foi un alumno seu da Facultade de Filosofía e Letras de Madrid, D. Amable Veiga Arias, que acabaría sendo catedrático do IES Lucus Augusti, quen lla deu a coñecer. Na publicación describe a cabeza, “hallada casualmente, en fecha y circunstancias ignoradas, en un castro del Narla (Friol)” e ilústrase o artigo con 3 fotos da peza.

No ano 1965 J. Taboada Chivite, amosa unha foto dela  en “Escultura Celto-Romana” no número 3 de Cuadernos de Arte Gallego. Xa en 1994, F. Calo Lourido volva a falar dela en “A Plastica da cultura castrexa Galego-Portuguesa”. Neste caso, Calo Lourido baséase nas publicacións anteriores, pois a cabeza atopábase en paradoiro descoñecido.

No mesmo ano, 1994, Calo Lourido publicou na revista CROA “Manifestacións da plástica castrexa na provincia de Lugo” onde volve a mencionar a Cabeza de Narla. 

Comentarios