O Museo de Pontevedra revela nun congreso a “complexa recuperación” do legado de Castelao

A conservadora Ángeles Tilve falou no marco da cita “Encontros museísticos. As coleccións do exilio”. Por vía telemática explicou que Castelao é quizais a figura máis simbólica e representativa do século XX na Galiza”.
A Deputación falou do legado de Castelao nun congreso. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera A Deputación falou do legado de Castelao nun congreso. (Foto: Deputación de Pontevedra)

A conservadora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, explicou esta segunda feira a complexidade que tivo recuperar para a infraestrutura da Deputación o legado de Castelao que estaba fóra da Galiza.

No marco dun congreso sobre coleccións no exilio organizado polos ministerios de Memoria Democrática e Cultura, a responsábel deu a coñecer as orixes e como evolucionou o agrupamento das pezas da que deu en chamar “quizais a figura máis simbólica e representativa do século XX na Galiza”.

Nunha xornada que decorreu con conexións por internet, Tilve comentou que hoxe a colección Castelao ten uns 2.000 orixinais, todos eles gardados no museo pontevedrés. Esa cantidade de lembranzas do patrimonio galego conseguiuse “grazas a cesións, acordos e depósitos”.

Na súa queda a representante galega recoñeceu que o proceso foi “longo e complexo”, pero non só por ter que reunir as pezas senón polo traballo “de investigación e difusión” da figura do galeguista no que se traballa “desde hai décadas”.

A escolma comezou cun depósito do propio autor en 1931 pero a cantidade de pezas que se foron acumulando permiten hoxe “coñecer as múltiples facetas que Castelao desenvolveu nos campos da creación artística, literaria e política”.

Tilve comentou ao resto de poñentes e asistentes que todo o conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2012. Así aludiu a que deixou “unha profunda pegada na sociedade galega como ferramenta e vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial” do país.

Incautación e depósito

Foi máis alá ao contar que Castelao non só deixou encargado que unha parte das súas cousas fosen ao museo, senón que foi un dos impulsores deste espazo para a cultura. No 31 deixou en depósito once debuxos a cor e, en 1937, “estas obras foron inacutadas xudicialmente xunto a outras do seu domicilio para garantir o pago dunha sanción económica de 75.000 pesetas imposta pola Comisión Liquidadora de Responsabilidades Políticas”.

“Finalmente serían depositadas no Museo para a súa custodia, intentando a institución evitar a súa subasta e solicitando que se incorporasen a Patrimonio do Estado polo seu interese artístico, algo que se acadou ata 1951, ao igual que aconteceu coa biblioteca do artista para protexela de Enrique Fernández Villamil, que pretendía a súa depuración de contido perigoso”, resumiu a conservadora.

Comentarios