O Museo de Pontevedra recoñece o traballo de Rebeca López, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo

As artistas recibirán bolsas de estudos grazas ao certame Novos Valores 2021 que organiza a sala expositiva dependente da Deputación pontevedresa. O xurado elixiu as súas obras artísticas polas “cargas conceptuais e as reflexións importantes” que recollen.

O xurado revisa algunhas das obras. (Foto: Rafael Estévez)
photo_camera O xurado revisa algunhas das obras. (Foto: Rafael Estévez)

O Museo de Pontevedra vén de comunicar as persoas gañadoras do certame Novos Valores 2021, que protagonizarán unha mostra pública e levaran aparelladas bolsas de formación.

Nesta ocasión as e os gañadores foron Rebeca López Villar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo, elixidos por tres obras pictóricas e unha escultura que foron votadas por unanimidade polo xurado. Este destacou a súa calidade, aludindo a que teñen no seu xerme “cargas conceptuais e reflexións importantes, ademais de ser variadas na súa temática”.

O director do Museo -que depende da Deputación de Pontevedra-, Xosé Manuel Rey, destacou que as pezas van formar parte dunha exposición que se abrirá ao público na quinta feira 8 de xullo e estará dispoñíbel até o 12 de setembro.

Xunto con esta pequena selección, o edificio Sarmiento do Museo tamén recibirá outras dez creacións elixidas como as mellores das 29 que concorreron polas bolsas nesta edición do premio.

Sobre as gañadoras e a súa arte

Os propios autores destacaron algúns elementos dos seus traballos. Para Rebeca López Villar (Vigo), a pintura “Sen título (sobre paseos e arrepentimentos)” fai unha reflexión sobre a paisaxe pero analizando varios conceptos até chegar mesmo á memoria histórica.

“E é aí precisamente onde se mesturan os dous focos da pintura: xa que a memoria histórica é un terreo pantanoso, non exento de polémicas de diferentes dimensións (mesmo cando se abordan desde a práctica artística), quixen establecer un xogo conceptual coa figura do arrepentimento, ese proceso que aparece unha e outra vez na historia da arte como unha sorte de corrección das pinturas que é visible no resultado definitivo”, aclara.

Na escultura titulada “Reflexión”, saída das mans de Adrián Solleiro (Tui), atópase unha peza figurativa que xoga co espello. “Motivado pola ilusión óptica que xera ver o molde dun rostro (dependendo da luz, tes a sensación de estar a ver a faciana en positivo), decidín facer esta muller mirándose no espello, e este devolvéndolle a imaxe do seu rostro dado a volta”, destaca o autor.

Pola súa parte, Diego del Río (Ferrol) acadou o recoñecemento a través da serie pictórica “Ras al Habout II” que é unha continuación da obra que achegou en 2019 a Novos Valores. “Supón outro intento de traducir a termos artísticos as experiencias persoais que tiven nas miñas viaxes, unha tarefa imposible pero obsesiva”, reflexiona.

Aliás, Daniel Cerecedo (A Pobra do Caramiñal) presentou “Picasso y Richter (después de)”, relatando a competición artística contada por Plinio o Vello. "A nosa atracción polo que está oculto e o noso afán por saber farán que fagamos enter, sen embargo esa acción non producirá ningún resultado mais que demostrar a vitoria da obra dixital a través dun engano do intelecto”, resume.

Comentarios