O Museo de Pontevedra lembra cun seminario a catedrática Ana Goy Diz

Nove comunicacións tratarán a relación do patrimonio coa memoria.
Ana Goy Diz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Goy Diz (Foto: Nós Diario).

O Museo de Pontevedra organizará o 15 de xuño o seminario ‘Estudos e reflexións sobre patrimonio cultural’, co que quere recordar o traballo de investigación e posta en valor do patrimonio cultural da profesora Ana Goy Diz (1966-2022). 

A iniciativa propón unha aproximación a diferentes aspectos relacionados co patrimonio cultural, campo de investigación no que a homenaxeada desenvolveu a súa traxectoria académica.

A súa defensa do patrimonio galego, a súa investigación, xestión e protección, máis aló dos valores monumentais e histórico-artísticos, motivará os contidos destas xornadas, nas que participan persoas moi vinculadas á súa vida e traxectoria profesional. 

O encontro abordará como problema central o valor do patrimonio como testemuño dunha memoria colectiva. Un exemplo sería as intervencións sobre o templo de San Xinés de Padriñán (Sanxenxo).

A segunda sesión tratará as estratexias de sostibilidade do patrimonio. As intervencións versarán sobre as aplicacións da investigación arquivística na Historia da Arte; a cunca alta do Tera como paisaxe cultural; a posta en valor do cuartel de San Fernando de Lugo; a Torre de Hércules e a Catedral de Mondoñedo; e a candidatura da Ribeira Sacra á Unesco.

En memoria de Ana Goy

O director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, presentará o seminario, no que a súa coordinadora, Diana Duo Ramilo, fará unha semblanza da homenaxeada.

Goy Diz foi catedrática de Historia da Arte, a primeira do campus de Lugo da USC, e membro da Real Academia de Belas Artes, na que ingresou en maio de 2021. Tamén foi representante da Galiza no Comité Internacional dos Monumentos e os Sitios. 

Comentarios