O Museo de Pontevedra amosa arte procedente do espolio nazi

A sala Castelao da infraestrutura pertencente á Deputación de Pontevedra acolle unha mostra temporal na que se xuntan diversas pezas que foron roubadas e que van ser devoltas ás e aos seus lexítimos propietarios.
Un momento da presentación desta mostra. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Un momento da presentación desta mostra. (Foto: Deputación de Pontevedra)

As obras artísticas procedentes do espolio nazi protagonizan unha exposición temporal única no Museo de Pontevedra. Antes de regresar a mans das e dos herdeiros lexítimos das pezas, estas pasarán unha pequena tempada no edificio Castelao da instalación, que depende da Deputación de Pontevedra.

A mostra, que fai coincidir creacións como a 'Dolorosa' e o 'Ecce Homo' nun mesmo espazo, abriu nesta quinta feira para atraer a todas as “amantes do arte e curiosos da historia”. Así o resaltou na presentación da iniciativa o vicepresidente da Administración, César Mosquera.

“É unha pena que teñamos que desfacernos dos cadros, pero é unha alegría colaborar na reparación do expolio nazi”, resaltou sobre o compromiso do Museo. No entanto, é o Ministerio de Cultura o que ten a potestade sobre que facer coas pezas.

Neste momento, comentou, teñen dúas reclamacións: unha por parte do Goberno polaco e outra por parte da familia dona do castelo do que supostamente se levaron.

A Avogacía do Estado estuda quen das dúas partes ten o dereito a quedar con esta escolma, se ben é o momento de que as e os pontevedreses, como terceiros implicados, poidan gozar desta exposición.

“Non nos crea ningunha distorsión nin estamos a desgusto con que as obras estean aquí. Sábese máis delas e van estar ben acollidas e tratadas mentres dure o proceso”, destacou o representante da Deputación.

Pola súa banda, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, comentou que se nun principio foran atribuídas a Dieric Bouts despois dun estudo encargado pola infraestrutura pode dicirse que a súa autoría localizaríase nalgún traballador do obradoiro de Albert Bouts. Por tanto, falaríase de obras do período tardío do século XVI.

A identificación en última instancia xurdiu durante o confinamento pois Patrimonio Cultural do Ministerio do mesmo nome de Polonia pediu información sobre os cadros. Aportou documentación que indicaba que pertencen á colección da Princesa Czartoeyski, a quen lle foron roubados polos nazis.

Comentarios