A compra dos orixinais apróbase na sexta feira

O Museo de Pontevedra adquire o 'Álbum Nós'

O Museo de Pontevedra fixo hoxe o anuncio de que vai formalizar nos próximos días a compra dos orixinais do Álbum Nós, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O comunicado realizárono a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey.
EuropaPress_3484415_np_compra_album_nos_castelao_museo_pontevedra
photo_camera Imaxe da presentación da adquisición no día de hoxe.(Foto: Deputación)

O Museo de Pontevedra adquire os orixinais do Álbum Nós e, deste modo, pasarán a formar parte dos fondos da institución, en propiedade, as 49 láminas, o  autorretrato de Castelao e o exlibris que remata o álbum. César Mosquera destacou a gran transcendencia desta compra porque "son o conxunto de pezas máis importante de Castelao" e permiten completar a colección, que conta con ao redor de 2.000 elementos do autor.

O Museo de Pontevedra dispoñía de todas estas obras en depósito desde o ano 2016 con motivo da exposición Meu Pontevedra, e que se expoñen actualmente nun espazo específico no Sexto Edificio.

A xunta de goberno da Deputación vai aprobar mañá esta compra, para a que xa hai consignación orzamentaria e está asinado un  precontrato coa familia propietaria que pediu que non se revele a súa identidade nin tampouco o alcance económico da operación.

Cumprir a vontade do autor, intelectual e debuxante

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, insistiu na relevancia da adquisición destes fondos para o Museo de Pontevedra e mais no feito de que vaian permanecer onde Castelao desexaba. "Quería que a súa obra estivese vinculada a este Museo, do que formou parte desde o seu inicio", explicou Carmela Silva, "por tanto, cumprimos a súa vontade", engadiu.

A presidenta tamén afirmou que "o Museo de Pontevedra é o Museo Nacional da Galiza".

"Aquí están as pegadas máis importantes da nosa historia e cultura, e por iso é obrigado que estea a maioría da obra de Castelao", razoba.

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou que o Álbum  Nós supón un capital simbólico para os fondos da institución e permítelle dispor dos principais conxuntos creativos do artista de Rianxo, así como "dialogar e complementar" o Álbum de guerra que o debuxante fixo 15 anos despois, xa como líder do galeguismo e da defensa da legalidade republicana diante dos golpistas de 1936, que o levaron ao exilio.

Comentarios