O Museo de Pontevedra activa Novos Valores 2021

O Museo de Pontevedra abre o prazo de presentación de inscricións para participar no certame Novos Valores 2021. As solicitudes poden achegarse, de modo telemático, desde o  12 ao 30 de abril.
02_Nuria_Rodriguez_Figueiredo
photo_camera 'Voltar' de Nuria Rodríguez estivo en Novos Valores 2020. (Foto: Nós Diario)

O Museo de Pontevedra vén de poñer en marcha unha nova edición do certame de artes plásticas Novos Valores. Un concurso en cuxas bases se manteñen as novidades da pasada edición, a limitación de idade aos 35 anos e o proceso de selección en catro fases, co obxectivo de potenciar o traballo de artistas noveis e de acadar a máxima calidade entre as propostas presentadas. 

Novos Valores 2021 ten por obxecto a concesión, de catro bolsas de 7.500 euros cada unha, destinadas a promover a formación de artistas da Galiza que realicen traballos dentro das modalidades plásticas de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e videocreación.

As obras que se presenten deberán ser orixinais e inéditas e as persoas interesadas en participar poderán inscribirse, por vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede electrónica da Deputación de Pontevedra, desde a vindeira segunda feira até o 30 de abril.

 Segundo explica o director do Museo Xosé Manuel Rey, “a promoción de actividades culturais, en xeral, e a das manifestacións artísticas, en particular, é un dos trazos que mellor representa a Deputación de Pontevedra”. “Un dos fitos máis destacados deste labor de patrocinio é a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis, documentadas xa na segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX e con continuidade e vixencia plena na actualidade”, explicou.

O proceso de selección

As persoas interesadas en tomar parte do certame deberán achegar a súa proposta técnica da obra, tamén a través da sede electrónica da Deputación, entre o 10 e o 23 de maio incluíndo até cinco fotografías da peza e unha memoria que inclúa a súa ficha e a súa descrición, atendendo os aspectos conceptuais, teóricos e metodolóxicos.

O xurado examinará, valorará e seleccionará até un máximo de 25 propostas entre o total das presentadas coas que se conformará a exposición Novos Valores 2021, que estará aberta ao público no  edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 8 de xullo ao 12 de setembro deste ano. Finalmente, o xurado reunirase de novo para propor  as catro persoas merecedoras da adxudicación das bolsas. 

Comentarios