Fundado por Díaz-Pardo e Seoane garda máis de 1.800 obras de arte

O Museo Maside segue a esperar ser BIC

Once anos despois de que o Parlamento galego decidise iniciar o procedemento para declarar o Museo Carlos Maside, de Sada, Ben de Interese Cultural, na transcendeu de como continúa a incoación desa iniciativa.
lavandeiras
photo_camera 'Lavandeiras (de Galeras, de Compostela)' (1953), óleo sobre lenzo pertencente ao legado de Carlos Maside. (Foto: Nós Diario)

En 2010 o Parlamento aprobaba iniciar a tramitación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, fundado por Isaac Díaz-Pardo e Luís Seoane en homenaxe ao artista referente das creadoras e dos creadores galegos no exilio e nas vangardas artísticas. 

Hoxe, 11 anos despois de que a principal institución galega tomase aquela decisión, o Museo Carlos Maside aínda non é BIC, e o actual presidente do seu padroado, Segismundo García, oponse a esa declaración porque considera que pode “condicionar os usos do espazo”. Mentres o Goberno galego explica que a demora na declaración se debe á realización de estudos arredor do "valor arquitectónico do edificio e da súa situación actual".

Alén disto, a Xunta non informou a día de hoxe sobre en que fase se atopa a incoación deste expediente para ser declarado BIC nin tampouco expuxo, ante a petición do Bloque Nacionalista Galego (BNG) esta quinta feira, en que estado de conservación se atopan, tanto o edificio como os seus fondos. Unhas obras que a propia directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María do Carme Martínez Ínsua, cuantificou en máis de 1.800, entre pinturas, gravados, serigrafías e esculturas, da autoría de 200 artistas.

O museo que Isaac Díaz-Pardo e Luís Seoane crearon en 1970 naceu co  obxectivo de conservar e exhibir, “partindo de Castelao como xerme da renovación”, as obras da arte galega da xeración dos anos 30 “que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega”.

Así, entre as obras que desde entón formaron a exposición permanente da galería, alén das do propio Carlos Maside, Alfonso Daniel Castelao e Luís Seoane, artistas galegos e do exilio e da vangarda como Laxeiro, Xulia Minguillón, Colmeiro, Urbano Lugrís, Asorey ou Maruxa Mallo, entre outros.

Un contido que referenda o valor do Museo Maside como galería da arte galega contemporánea e de vangarda pero que non queda aí, senón que é de primordial importancia canto á memoria histórica galega, na medida e que lle dá nome un pintor, Carlos Maside, represaliado logo do Golpe franquista de 1936 ao prohibírselle seguir impartindo clases e exhibindo a súa obra, o que o leva a unha situación de debilidade económica e de “exilio interior”, como lembraba en 2017 Mercedes Rozas, comisaria da mostra Retratos, do autor.

A crítica de arte contaba, naquela altura, a relación de  Maside co exilio exterior galego. “Era para todos os exiliados un referente importantísimo”, dicía nunha entrevista a Nós Diario, “hai cartas cos irmáns Dieste, con Isaac, con Seoane e con moitos máis exiliados, o que pasa é que loxicamente tiña que ter moito coidado, porque estaba continuamente vixiado pero aínda así a familia ten cartas moi fermosas cos exiliados”.

Así pois, o Museo Maside garda no seu interior arte e memoria, tal como fora no seu día a intención de Isaac e Seoane, e por iso “cómpre aplicarlle a protección propia dos BIC”, dicía o Consello da Cultura Galega (CCG) nunha declaración de 2018.

A institución cultural mencionaba tamén a singularidade do edificio, creado por Andrés Fernández-Albalat, constituído por unha serie de volumes hexagonais de diferentes alturas e con cubertas piramidais. “Consideramos que unha adecuada xestión do museo exixe dotalo de personalidade xurídica que garanta a preservación do contido e a súa posta en valor, difusión e enriquecemento dos fondos”, concluía o CCG.

Dez anos á espera da declaración BIC para o Museo Maside

A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, preguntou hoxe no Parlamento polas actuacións da Xunta para declarar BIC o Museo Carlos Maside.

Iniciativa aprobada en 2010 e “á espera de estudos sobre o valor arquitectónico e a situación do inmóbel”, dixo Carme Martínez, directora xeral de Patrimonio. O Parlamento aprobou por unanimidade instar a Xunta a abrir proceso para impulsar a conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos en 2023.

Comentarios