MERCEDES ROZAS, COMISARIA DA MOSTRA 'RETRATOS' DE MASIDE

"O Museo Maside é un patrimonio de todos e non pode malvenderse nin dispersarse"

Falamos con Mercedes Rozas, comisaria da mostra 'Retratos' de Carlos Maside, con quen non puidemos obviar a situación do Museo Carlos Maside de Sada. A quinta feira, O Galo organiza unha visita guiada á exposición, que podemos ver até mediados de marzo na Casa do Cabido compostelán. 

expo-maside
photo_camera Mostra 'Retratos' na Casa do Cabido en Compostela.

- Esta mostra acolle un cento de retratos realizados por Maside nos anos 20 e 30. Con ela non só podemos coñecer os seus debuxos senón a boa parte dos seus contemporáneos: de Castelao a Lorca, pasando por Ánxel Casal, Colmeiro, Valle, Manuel Antonio...
- Na expo amosamos unha grande selección de debuxos que el fixo en distintas colaboracións con varios xornais, como pode ser La Nueva España, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego... Son fundamentalmente debuxos: a tinta, a lápiz, a pluma, que el facía e logo enviaba aos xornais. Pero el quedaba cos orixinais. Temos debuxos dos anos 20 e 30 pero tamén posteriores da súa etapa de exilio interior que viviu Maside en Compostela. Achegábanselle xente como Otero Pedrayo e el debuxaba. Era un gran debuxante e ademais estaba sempre atento a calquera personaxe que se achegara a el. 

El era para todos os exiliados un referente importantísimo. 

- De onde proceden os orixinais? Da familia, fundamentalmente, non?
- Da familia, si. Todos son de Xulio Maside [un dos sobriños do artista]. Esta mostra fíxose grazas á documentación de María Esther Rodríguez, a quen quero destacar, porque ela leva traballando coa súa obra desde hai anos, foi quen se preocupou desde sempre pola súa obra. Foi recompilando todos os debuxos orixinais, todos eses retratos que el facía para os xornais, e logo engadiulle unha documentación de cada un deles. O que fixemos nesta exposición foi ordenar toda esa documentación e adaptala á mostra. Son moitísimos retratos, aínda que quedaron moitos fóra. E logo destacamos certas figuras para facer un pouco máis dinámica a expo, porque a maioría dos retratos son moi pequenos, van en vitrinas. E, ademais, son en papel, o que supón a maior dificultade, porque tiveron un proceso de montaxe delicado, porque son materiais moi sensibles: papel transparente, papel de libreta, folios... Grazas a que a familia Maside tiña tamén os orixinais de 'Retrincos', os gravados que fixo para Castelao, entón destacamos ao rianxeiro. Ou a Fernández Mazas, porque hai unha carta fermosísima que Maside lle envía. Ou a Bóveda. 

- Ademais de retratos inclúe fotos do pintor e outros obxectos. 
- O que fixemos foi documentar todos eses retratos. Son retratos dos anos 20 e 30, e algúns dos 40. E o que fixemos contextualizar todos eses retratos con documentación, porque nalgúns casos existen cartas ou gravados. No de Lorca hai un libro dedicado a Maside polo escritor. 

Nesta mostra case todos os retratos de antes da guerra eran dos protagonistas das Irmandades da Fala, de deputados, artistas, escritores, xuíces... que logo foron represaliados ou exiliados.

- Como cambiou a súa obra despois da guerra?
- No caso dos retratos, certas colaboracións deixaron de existir, aínda que seguiu colaborando no Faro de Vigo. E, evidentemente, os contidos cambiaron moitísimo. Nesta mostra case todos os retratos de antes da guerra eran dos protagonistas das Irmandades da Fala, de deputados, artistas, escritores, xuíces... que logo foron represaliados ou exiliados. El seguiu debuxando pero evidentemente o que cambiou moitísimo foi a súa pintura máis que os seus retratos. Logo facía algún retrato para a xente que se achegaba á súa casa ou para o Faro, pero pouco máis. 

- Como sobreviviu a partir do 36 unha vez que non lle permiten seguir dando clase?
- Pois nun exilio interior. A partir dos anos 40, aínda que o tiña prohibido, os amigos axudáronlle a facer algunha exposición e el seguía pintando na súa casa e vendendo algúns cadros. E pouco máis. El tívose que facer cargo da irmá, que quedara viúva, e dos seus fillos. Mentres daba clases non tiñan problemas, pero logo pasaron as súas. Dependían dunha irmá de Carlos que tiña un comercio en Santiago, creo que era un estanco. Porque el seguía pintando pero naquela época non creo que vendera moito. Os que viñeron de América nos anos 50, antes de que el morrera, intentaban axudaba dalgún xeito. Creo que Seoane foi un deles. 

Estase a intentar que o Legado Maside quede en Compostela porque era o que quería el. 

- Ao final da súa vida volveu ter relación co galeguismo que volvía agromar. 
- Nunca a perdeu. Fíxate que el era para todos os exiliados un referente importantísimo. De feito Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane fixeron un museo en Sada co seu nome. E el nunca perdeu esa relación. Hai cartas cos irmáns Dieste, con Isaac, con Seoane, e con moitos máis exiliados. O que pasa é que loxicamente tiña que ter moito coidado, porque estaba continuamente vixiado. Pero aínda así a familia ten cartas moi fermosas cos exiliados. A expo recolle todo o contexto artístico, político, cultural de preguerra. O primeiro retrato co que se abre a mostra é de Valle-Inclán. El coñeceuno e temos unha fotografía con el. E dos últimos que o visitaban na súa casa, cando xa estaba bastante mal é Otero Pedrayo. 

- Quen atesoura a maior parte da obra de Maside?
- A maior parte está nas mans da familia Maside. Teñen o legado Maside, eses 21 cadros que hai uns anos viñeron de Vigo, do Museo Castrelos. Acórdaste do problema, que a familia decidiu sacar de Vigo aquel legado porque consideraban que non estaba ben atendido? E estase a intentar que quede en Compostela porque era o que quería Maside. E despois toda esta expo e coa súa documentación, cartas, fotos, etc. está en mans de Xulio Maside e de Esther. O legado, en cambio, é de Xulio e de varios irmáns. 

Creo que é deplorable a situación do Museo: está en moi malas condicións, con humidades, mala conservación, coas obras estragándose. 

- Toda a obra que hai no Museo Carlos Maside, que pasa con ela? Agora iso está pechado e...
- Iso é terrible. Non sei, non teño palabras. A min tenme moi preocupada ese tema, porque realmente que todo ese legado, non soamente de Maside, porque Isaac aí recompilou unha cantidade de obra importantísima de xente que estaba no exilio. Hai obras dunha vangarda importantísima de artistas galegas. E de quen é iso agora? Non o sei, creo que está en terra de ninguén, dáme a impresión de que é un museo que non un faro, non se abre e a impresión que teño é que está totalmente abandonado. 

- Fálase de que queren vender esa obra. 
- Non me extrañaría. Isaac tíñalle un cariño enorme ao museo. Defendeu o museo desde o primeiro momento que o abriu, pero non sei exactamente cales son as intencións dos donos actuais, pero o que está claro é que iso debería de ser un patrimonio que unha institución -entendo que a Xunta- debería facerse cargo. Porque é un patrimonio de todos e non pode malvenderse nin dispersarse. Eu sei de xente que foi alí a ver obra para pedila para unha exposición e creo que é deplorable a situación do Museo: está en moi malas condicións, con humidades, mala conservación, coas obras estragándose. Eu creo que aí a Xunta debería ter algo que dicir. Aínda que sexa un patrimonio que está en mans particulares, debería ser unha cuestión de país. Debía de existir unha preocupación, algún tipo de iniciativa institucional para que ese patrimonio non se perdera, nin se malvendera nin se dispersara. Algunha institución debería recoller todo ese contido do Museo Maside. É un legado que se fixo entre Díaz Pardo e Seoane. A min preocúpame moito que iso se perda ou se malvenda. 

Comentarios