O Museo de Lugo vive o “efecto chamada” da colección de Álvaro Gil

O regreso da colección de Álvaro Gil ao Museo de Lugo está a producir un “efecto chamada” que se contabiliza coa multiplicación do número de visitantes. 

.
photo_camera .

Desde o 10 de febreiro ao 8 de marzo, 4.038 persoas visitaron o Museo de Lugo desde o regreso do conxunto das pezas mercadas á familia de Álvaro Gil. tras unha longa negociación da área de Cultura da Deputación de Lugo. O número de visitas é sensíbelmente maior ás 2.684 recibidas no mesmo período durante o pasado ano, o que deixa á vista o “efecto chamada” da importante colección de pezas de ourivería prerromana que volven de maneira definitiva ao Museo de Lugo. 

“Consideramos que se comeza a cumprir o obxectivo de que non quede ningún lucense na provincia sen coñecer este valiosísimo tesouro, pois desde logo esta será a mellor ferramenta para proxectar esta colección e o seu museo de cara ao exterior”, afirmou o responsábel da área de Cultura da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, na visita ao Museo na que se fixo público o balance do retorno da colección á institución. 

Sumou á histórica volta das pezas de ourivería á recuperación dalgunhas outras obras, boa parte restauradas para a súa mostra no museo,  como “A Magdalena en éxtase”, copia do cadro de Caravaggio, varios mosaicos ou o regreso do  ‘Cristo atado á columna’, despois de participar nunha mostra en Barcelona. 

Comentarios