O Museo de Lugo recibirá en días a colección de ourivería de Álvaro Gil

Xa todo está pronto para que a colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil regrese ao Museo de Lugo. A volta xa ten data e é o vindeiro 10 de febreiro, segundo anunciou o vicepresidente da deputación, o nacionalista Antonio Veiga. 

Antonio Veiga
photo_camera Antonio Veiga

Coa aprobación por parte da Xunta de Goberno da forma de pago á familia de Álvaro Gil de 2.346.000 euros en 5 anualidades sálvase o último trámite para conseguir que, en poucos días, o Museo de Lugo volva mostrar un dos seus emblemas, a soberbia colección de ourivería prerromana que é un dos referentes da cidade. 

Será o vindeiro 10 de febreiro, segundo adiantou Antonio Veiga, cando a colección regrese ao Museo de Lugo xa de maneira definitiva, ao se producir a sinatura do contrato de compravenda coa familia do mecenas. Ponse fin así a un litixio que comezou hai 14 anos, no tempo no que Francisco Cacharro Pardo presidía a Deputación, e que supón tamén o pago de 600.000 euros en concepto de costas xudiciais. A institución provincial rematará de pagar o legado en 2018 e agora fará o abono de dúas das cinco anualidades fixadas. 

Do torques ao carneiro

Ao Museo regresará un dos seus tesouros, a colección composta por 40 pezas entre as que se atopan algunhas da relevancia do Torques de Burela ou o Carneiro Alado. Antonio Veiga fixo fincapé na grande noticia que é a recuperación como patrimonio público do legado e destacou que se trata “da colección de arte prerromano galego máis importante do noso país e un dos emblemas do Museo Provincial de Lugo, que poderá ser visitado por todos os lugueses e luguesas a partir do 10 de febreiro”. Fixo resumo do que definiu como “meses de traballo, negociación e acordo coa familia” para o retorno dunha colección que, ao seu ver, “nunca debeu ter saído do Museo”.  As pezas foron retiradas do Museo despois de que así o sentenciara o Tribunal Supremo ao lle outorgar a titularidade á familia de Álvaro Gil. No mes de outubro de 2013, xusto un día antes de saíren do Museo Provincial, iniciouse o expediente de declaración como Ben de Interese Cultural para así evitar a súa venda ou a súa saída do Estado español. 

Canda o contrato de compre-venda, a familia renunciará a a establecer calquera acción tanto administrativa como civil en relación coa colección, desistindo tamén das iniciadas con anterioridade. 

Comentarios