Museo Granell, centro da arte surrealista

A comezos deste mes a Fundación Eugenio Granell, en Compostela, tornaba a obra de Philip West ás súas salas. Alí, os cadros do artista e benfeitor do museo conviven coa obra dos composteláns Carlos e Xulio Maside, coas do propio Granell e coas demais pezas da colección permanente de arte surrealista da galería.
Vecinos
photo_camera 'Veciños', creado en 1996, é un dos óleos que compón a mostra "Philip West, o amor e a muller". (Foto: Nós Diario)

O pasado 8 de abril o artista británico Philip West retornaba á sala principal do Museo Granell, no Pazo de Bendaña de Compostela, e que ademais leva o seu nome, coa mostra "Philip West, o amor e a muller". Unha exposición que forma parte do compromiso da Fundación Granell con este artista, benfeitor do museo ao doarlle en 1997 un legado composto por 200 das súas obras, principalmente debuxos, óleos e gravados así como unha importante biblioteca, con máis dun cento de volumes sobre a arte surrealista.

Xunto a ela, a mostra permanente "O estudio de Granell", un espazo expositivo que reproduce o lugar de traballo do pintor e que está composta por obxectos e obras de arte que amosan a contorna na que creaba. Lorena Rodríguez, responsábel de Conservación e Restauración da Fundación é quen se encarga da conservación e do mantemento das pezas e adecúa o espazo ás incorporacións que se engaden de modo temporal.

"Granell e as súas amizades surrealistas" e "Homenaxe a Amparo. Retratos de compañeiros no exilio e outros" son outras das mostras actuais, no segundo andar do Pazo de Bendaña. A primeira delas, consiste nunha mostra na que se poden contemplar obras de diversos artistas e en distintos países, unha exposición que reflicte a amizade a través de agasallos de obras propias e de extensas correspondencias. A segunda, unha exposición cronolóxica na que Granell se mostra como retratista da súa compañeira, Amparo Segarra.

Todas as exposicións poden visitarse en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 20 de terza a sexta feiras, e os sábados unicamente no horario de mañá.

Xulio e Carlos Maside

A familia Maside, moi vinculada a Eugenio Granell, tamén é protagonista de boa parte das exposicións e dos fondos da Fundación e, así, a persoa visitante pode atopar a obra de Xulio Maside no primeiro andar, ou a do seu tío Carlos, na nova sala do segundo andar.

"Carlos Maside (Patrimonio Galego)" é o  título desta exposición que recolle o legado deste artista, que foi adquirido polo Consorcio de Compostela e do que o Concello de Santiago e o receptor co compromiso da conservación e da exhibición desta "notábel colección" do vangardista galego que foi un dos artífices da renovación estética no noso país durante o século XX.

De Xulio Maside pode visitarse, nas salas 4 e 5 do primeiro andar, a mostra "As parellas", unha selección da obra do pintor que abrangue desde 2014 até 2021. "As parellas" está composta de perto de 70 pezas entre as que destaca a obra de gran formato "Luci e mais eu", creada en 2014, e que segundo contan desde a fundación, "quere ser representativa" do conxunto da mostra "xa que concilia obras anteriores á exposición coas posteriores que parten dela, con distinto formato e entidade". Así, esta exposición do traballo de Xulio Maside está composta por un conxunto de pinturas "emparentadas en ritmo e poesía, erotismo e humor".

Unha combinación de acrílicos, colaxes, acuarelas, carbonciños, debuxos a man alzada, que dan conta do mundo de Xulio Maside, "dos sentimentos máis líricos e musicais en tempos de confinamento e pandemia". 

Visitas guiadas

A pandemia da Covid-19 e as posteriores restricións sanitarias dedicadas a evitar os contaxios mudaron tamén o decorrer diario do Museo Granell. Así, as precaucións e as reservas destinadas ás visitas das salas de arte tamén houbo que facer modificacións e adaptacións para a realización das visitas guiadas no modo en que se desenvolvía até o de agora.

É o caso das visitas guiadas á Biblioteca da fundación, no terceiro andar do pazo,  e mais da súa Área de Conservación e Restauración, onde as persoas interesadas poden ver os almacéns coas obras das diversas coleccións legadas a Compostela por Eugenio Granell e pola súa esposa Amparo Segarra. As visitas deben realizarse, con previa cita para manter as medidas sanitarias vixentes, a segunda e a última quinta feira de cada mes.

A fundación tamén continúa coa realización das visistas "Santiago de Compostela a través da mirada de Eugenio Granell", baseada no libro do artista titulado Memorias de Compostela. Un percorrido polas rúas da cidade  a través de lugares emblemáticos na mocidade do artista.

Comentarios