Eira das Mouras

O Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes

En marzo abría as súas portas na praza da vila das Pontes o novo Museo Etnográfco Monte Caxado, obra colectiva dun colexio guiada por un mestre referente, Xosé María López Ferro, que botara a andar no propio recinto escolar en 1984, naqueles anos nos que o territorio do concello sufrira unha forte metamorfose, o paso do rural ao industrial, presidido pola xigantismo da central térmica de Endesa. Eis un extracto da información, publicada no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto1

1As Pontes de García Rodríguez é unha desas vilas que resume as esencias galegas, esas que nacen do camiño, da encrucillada, do encontro: saber recibir e despedir, aprender e desprenderse mesmo da súa longa historia con vestixios megalíticos, romanos, cristiáns, feudais, irmandiños, emigración, industrialización... e o longo legado labrego e gandeiro. Por algo foi punto nas miras e nas pescudas dos precursores e patriarcas da arqueoloxía galega, Federico Maciñeira entre os primeiros, onde na segunda metade do século XX o párroco don Enrique Rivera Rouco fai misión na recuperación das orixes.

Aínda así, as obras mineiras do lignito, os encoros e as formulacións viarias botaron a perder asentamentos de todo tempo, sen faltar quen puxo o berro no ceo, polo que Endesa incluíu arqueólogos no estudo das áreas afectadas, recadou documentación e testemuños... Pero onde están agora? Como e onde os campaniformes atopados na Vilavella, a carón da mesma central? Sentimos a destrución do sitio megalítico, o altar da Mourela, documentado por Maciñeira, camiños da mítica e milagreira fonte das Boliqueiras. Anacos do pasado galego. Mais o que esta de ser, será: así é que a mediodía do sábado 30 de marzo, na praza da vila das Pontes, abría as portas o novo Museo Etnográfco Monte Caxado, obra colectiva dun colexio guiado por un mestre referente, Xosé María López Ferro.

Alí convidóusenos a estar en primeira liña e a falar, o que agradecemos por coincidir en teimas e prédicas semellantes. Alí acompañamos a esoutro patriarca nestas cuestións de recuperar pasado que é Narciso Luaces, creador da colección de Meixido en terras de Ortigueira, así como a Secundino García Mera, mestre que comparte teoría e praxe, creador do exemplar Museo Etnográfco da Capela, instalado nunha casa tradicional na beira dos vellos camiños que levan ao mosteiro de Caaveiro. Na memoria estaban os clásicos estudosos da Etnografía galega: Risco, Cuevillas, Xocas, Taboada Chivite, Antonio Fraguas, a quen este ano dedicamos o Día das Letras Galegas, alma máter desa estrela guieiro que é o Museo do Pobo Galego en Compostela, entre outros referentes niso de gardar memoria inmaterial e material: costumes, mobles, inmobles e artefactos, arredor dos que xiran tantas palabras que conforman a lingua e a fala dos devanceiros, que diría o historiador Ferro Couselo.

[Podes ler a peza íntegra no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios