Xunta, Concello e Estado investirán 2,9 millóns de euros

O Museo do Pobo Galego contará cun novo espazo expositivo

O Museo do Pobo Galego medrará. Xunta, Goberno do Estado e Concello de Compostela acordarón este serán un investimento de 2,9 millóns de euros para ampliar a emblemática sede da insititución. A ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval acollerá o novo espazo expositivo, de 800 metros cadrados.
 

san domingos bonaval
photo_camera San Domingos de Bonaval e o Museo do Pobo Galego. Foto: cedida.

A actuación, que se prolongará ate o ano 2021 -vindeiro Ano Xacobeo-, inclúe a intervención nas fachadas do edificio que no seu día ocupou o Colexio de Xordos. Illarase termicamente e acondicionarase a fontanaría, a electricidade, as comunicacións, ou a iluminación. Segundo explicou nun comunicado o Consorcio, o diñeiro público tamén servirá para substituír a estrutura portante do solo, para colocar un ascensor de alta capacidade e dúas escaleiras que comuniquen todo o edificio.

Ao tempo, o Padroado do museo traballará no proxecto expositivo do espazo. Tamén haberá estancias destinadas a oficinas e talleres. O Consorcio de Santiago, a traves do seu servizo técnico, tamén se ocupará da limpeza e da restauración da fachada e do adro da igrexa de Bonaval.

Comentarios