Unha mostra percorre o legado de Nós

Inaugúrase esta cuarta feira, día 11. A exposición é froito da colaboración entre o Museo do Pobo Galego e Galiza Cultura.

Nós
photo_camera Nós

A Galiza contemporánea non pode entenderse sen ´Nós’, a revista cuxo primeiro número veu a luz en 30 de outubro de 1920 e que, por contido e continente, “coloca a lingua, as artes e a ciencia galega nun nível privilexiado de calidade”, en palabras de Galiza Cultura.

É precisamente a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, co Museo do Pobo Galego, responsábel da mostra que esta cuarta feira, día 11, ás 17:30 horas, se inaugurará no propio Museo para conmemorar o centenario da revista.

Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia colle o relevo así das celebracións nestes anos de datas e proxectos chaves na historia galega: centenario das  Irmandades da Fala (1916), do renacido boletín A Nosa Terra (1917) e da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918).

Galiza Cultura explica que a exposición leva como lema: ‘Ser diferente é ser existente’, extraído do uso que del fai Vicente Risco en Nós, os inadaptados, e realiza un percurso pola significación e a obra dos seus principais persoeiros: Risco, director literario; Castelao, director artístico; Otero Pedrayo, Ánxel Casal e, con eles, a proxección que significou para artistas e escritores novos, así como a conexión co Seminario de Estudos Galegos (1923), outra iniciativa capital que marca o inicio dunha ciencia multidisciplinar en galego e sobre a Galiza.

No acto da inauguración estarán presentes Xosé Regueira e  Xurxo Couto, vicepresidente e deputado responsábel de Cultura, respectivamente, da Deputación Provincial da Coruña, que patrocina esta Exposición; Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; Carlos L. Bernárdez, comisario da Exposición; Luís Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, colaboradora da mesma;  Mª Antonia Pérez, presidenta da Asociación Cultural O Galo, de Compostela, e María Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura.

A Coral Solfa interpretará dúas pezas musicais.

Comentarios