O Museo do Pobo Galego abre ao público as primeiras coleccións de 'Historia da Galiza'

A primeira fase do proxecto abrangue desde a Prehistoria ao Reino Suevo e terá continuidade na primavera cunha nova ampliación do espaxo expositivo.
Alberto Núñez Feixoo e Xosé Sánchez Bugallo visitan as novas salas guiados por Manuel Vilar e Justo Beramendi (Foto: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Xosé Sánchez Bugallo visitan as novas salas guiados por Manuel Vilar e Justo Beramendi (Foto: Arxina).

"A idea dunha sala de Historia é un propósito do Museo do Pobo Galego desde a súa orixe", resume en declaracións a Nós Diario o director do centro, Manuel Vilar. Após 45 anos, esa vella aspiración comeza a facerse realidade. O Padroado do museo inaugurou onte as primeiras coleccións permanentes da sala 'Historia da Galiza' un proxecto que en palabras do seu presidente, Justo Beramendi, se desenvolveu unha vez completada a "dimensión etnográfica" do conxunto expositivo, un traballo que levou "máis anos do previsto pola pertinaz limitación de recursos dispoñíbeis".

"Había outras prioridades e unhas necesidades que cubrir" cuns medios limitados, precisa Vilar. A raíz do 40 aniversario da institución, xurdiu a oportunidade de materializar ese anhelo inicial. "E estámolo facendo. Igual non á velocidade que nos gustaría pero estámolo facendo", reitera o director.

Con esta iniciativa, o Museo do Pobo Galego busca ofrecer unha "visión xenérica" da Historia da Galiza. "Pretendemos que o visitante, galego ou de fóra, atope un lugar onde teña unha aproximación inicial á Historia da Galiza, un espazo que lle permita  chegar máis lonxe a afondar en calquera interese incipiente" a propósito deste novo percorrido.

Novos espazos e coleccións

As novas salas dedicadas á Historia da Galiza son parte do edificio conventual, onde se localiza  o museo. "A partir da primavera continuaremos coa a ampliación deste espazo expositivo cara a á sur do edificio de Bonaval, de cuxa restauración se ocupou o Consorcio de Santiago", explica Manuel Vilar, con novas coleccións permanentes dedicadas  a ampliar o discurso histórico desde a época medieval até a actualidade.

A primeira fase do proxecto  que restaurou abrangue desde a Prehistoria ao Reino Suevo e acolle varias mostras permanentes que conteñen pezas, textos e vídeos explicativos. "A maioría dos fondos expostos son propios. Pertencen ao Museo do Pobo Galego. Mais tamén se exhiben pezas que se pediron a outros museos" co obxectivo de encher algúns baleiros e ofrecer ao público un discurso completo da Historia da Galiza até o século V.

Segundo resaltou Justo Beramendi, "estas primeiras salas teñen moitos pais e nais", a Xunta da Galiza e a Deputación da Coruña, ademais do Consorcio de Santiago e dunha extensa lista de colaboradores entre os que se atopan persoas particulares e museos. É o caso do Museo Provincial de Lugo e do Castro de Viladonga, o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo do Castro de Santa Trega, o Museo das Peregrinacións e o da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba.

Ás súas achegas hai que sumar  outras como a reprodución do mapa de Fontán que dá a benvida ao público na porta de acceso ás novas salas, cedida por Xesús Couceiro, ou a música que acompaña algunha das pezas audiovisuais que xa son parte do museo, da autoría de Abe Rábade.

No acto de inauguración da nova oferta expositiva, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, situou o Museo do Pobo Galego á cabeza da rede de museos antropolóxicos da Galiza  e gabou a súa modernización. "Como repositorio central da nosa identidade ten que estar nas mellores condicións para seguir promovendo unha galeguidade aberta", dixo.

Da Preistoria ao Reino Suevo

A Historia da Galiza desde a Época Antiga e Sueva que vén de estrear o Museo do Pobo Galego artéllase en tres módulos e conta con 64 manifestacións artísticas e culturais. O centro avoga por un discurso moderno e máis audiovisual. Pero tamén por pezas de gran valor como a colección procedente do Dolmen de Argalo, en Noia, a agulla de óso de Punta Atalaia ou o vidro da Cidaella de Sobrado dos Monxes; ademais de ánforas, frechas e machados.

Comentarios