UNHA MOSTRA REPASA O LEGADO DA REVISTA

O Museo do Pobo celebra o centenario de 'Nós'

Hai 100 anos había quen pensaba que desde Galiza non se podía soster unha publicación propia de alta cultura. Os membros da Xeración Nós encargáronse de demostrar o equivocados que estaban.

Foto Regueira
photo_camera Xosé Regueira, deputado de Cultura, fala ante a atenta mirada de Pilar García Negro, Manuel Vilar e Carlos L. Bernárdez (Arxina)

"Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, saí hoxe Nós". Esas "Primeira Verbas" do número orixinal da revista Nós son tamén o primeiro que pode ver o visitante da exposición Nós de onte a hoxe: 100 anos de historia, que acolle o Museo do Pobo Galego.

Inaugurada nesta cuarta feira, a mostra está organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, comisariada polo historiador Carlos L. Bernárdez e conta co patrocinio da Deputación da Coruña.

O vicepresidente do ente provincial, Xosé Regueira, destacou durante ese acto inaugural que no caso de Nós "non se conmemora só unha revista", senón que significa "celebrar esa vontade de ser diferentes e de ser existentes. Nós significa o orgullo de ser galegos, e o diálogo en pé de igualdade co resto de culturas do mundo".

Após reivindicar o compromiso do seu departamento coa cultura galega, Regueira protagonizou un dos momentos máis emotivos da xornada lembrando a figura de Ánxel Casal, membro da Xeración Nós e, como el agora, vicepresidente da Deputación da Coruña.

No remate da súa intervención, ademais, dedicou unhas verbas á inminente saída do prelo de Nós Diario, o vindeiro 2 de xaneiro, afirmando que espera "con entusiasmo" ese día, e desexa o éxito "dun medio que leva un nome con tanta historia e, agardo, tantísimo futuro".

Tributo do mundo da cultura e a política galegas

A inauguración da exposición sobre o centenario do lanzamento de Nós contou coa presenza dos nomes máis relevantes do mundo da cultura e a política galegas.

Entre outros, estiveron presentes membros dos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento galego; o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; o presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Xoán Costa; ou o historiador e presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.

 Tampouco faltou o seu director, Manuel Vilar, que tomou o micrófono para afondar na relación entre a Xeración Nós e a institución que dirixe: "Nós ten moito que ver con este centro, porque a xente de Nós tiña a angueira de ter un museo da Galiza, e debémoslle a todos eles que hoxe exista todo isto. Nós collemos seu espírito e acollémolos a eles e a persoeiros que beberon da Xeración Nós, como Antonio Fraguas, que conta cunha exposición temporal en Bonaval até o vindeiro día 12 de decembro".

As orixes da exposición

Pilar García Negro, membro da comisión organizadora e presidenta da Fundación Galiza Cultura, colleu o relevo de Manuel Vilar e levou a cabo unha intervención na que indagou nas orixes da exposición.

"Os membros da Xeración Nós sabían ben que a cultura galega non podía quedar no costumismo, no dique seco do pailanismo. Eles partiron doutras epistemoloxías, querían facer da cultura galega unha cultura adulta e moderna, desde Galiza, sen  ser miméticos doutras nen aceptar colonialismos, de aí a frase 'Galiza, cédula de universalidade", explicou a autora de Sempre en Galego.

A colaboradora de Nós Diario engadiu, ademais, que a relevancia da revista Nós débese a que nas súas páxinas "podemos ler traducións de Joyce, ou ter contacto con figuras da ciencia e a literatura portuguesas, o que fai que o único calificativo que mereza sexa o de revista de alta cultura, que só se puido ver truncada polo violento estoupido da Guerra Civil española".

Para concluír, Pilar García Negro afondou no contexto histórico do nacemento da revista Nós: "Foi unha iniciativa cultural, mais non estivo desvencellada do proceso político en absoluto. Non eran galegos no cultural e outra cousa no político, non. Había unha unidade de actuación, pese as múltiples censuras que afrontaron a partir do alzamento da ditadura de Primo de Rivera en 1923”.

Carvalho Calero como "definidor" do grupo 'Nós'

O comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez, revelou aos asistentes que o feito de que o último apartado da exposición lembre Carvalho Calero "non se debe" ao feito "circunstancial" de que o vindeiro ano 2020 sexa o homenaxeado no Día das Letras Galegas", senón a que "foi el quen definiu o discurso que hoxe temos da Xeración Nós".

Bernárdez, por outra banda, fixo fincapé durante a súa alocución á "importancia da revista en todos os ámbitos", salientando especialmente a súa influencia nos eidos das artes plásticas e as publicitarias, pois "demostrou que se podía levar o galego á linguaxe publicitaria".

O especialista en Historia da Arte non quixo finalizar a súa intervención sen indagar nas orixes da Xeración Nós, que forma parte fundamental tanto da historia da revista como da exposición que conmemora o centenario do seu primeiro número.

"Ese proceso de constitución vén do século XIX, pero ten como espoleta as Irmandades da Fala na década dos 10 do século XX, pois é nas Irmandades onde se comeza a xestar a vida da revista Nós, que nace dentro dun político-cultural único", concluíu.

Comentarios