O Museo do Pobo asina coa Xunta un acordo que achega 500.000 euros

Esta segunda feira o Museo do Pobo Galego renovo un ano máis o seu convenio co Xunta da Galiza a través da sinatura dun acordo orzamentario que achega, de modo extraordinario, os 200.000 euros que corresponden ao Museo da Historia, e que se suman ao entregado en 2020 para chegar á cifra de 400.000 euros comprometida.
beramendi_romanrodriguez
photo_camera Justo Beramendi e Román Rodríguez. (Foto: Xunta)

Esta segunda feira o Museo do Pobo Galego renovou un ano máis o seu convenio co Xunta da Galiza a través da sinatura dun acordo orzamentario que achega, de modo extraordinario, os 200.000 euros que corresponden ao Museo da Historia, e que se suman ao entregado en 2020 para chegar á cifra de 400.000 euros comprometida. O acordo asinárono o presidente do Padroado do Museo do Pobo, Justo Beramendi, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Mantense así a liña de colaboración na que a Administración galega financia “aproximadamente entre 50 e 60% do orzamento total, o único novo ou diferente este ano é que, como pasou en 2020, por riba desa cantidade que achega a Xunta para o funcionamento ordinario do Museo, 200.000 euros aproximadamente, como para investimentos, 90.000 euros, achega 200.000 máis para o Museo de Historia”, detalla para Nós Diario o presidente do Padroado, Justo Beramendi.

Segundo as previsións do Museo do Pobo, o Museo da Historia, que ten previsto abranguer desde a Prehistoria até os nosos días, “coas cantidades asignadas até agora ten garantido completarse até o Reino Suevo”, indica Beramendi, que engade que “parece que a Deputación da Coruña achegará 150.000 euros máis, co que poderiamos completar até a Idade Media”. 

Nos plans a curto e medio prazo, o presidente explica que “este ano é seguro inaugurar as salas que recollen até o final da época visigótica, cos cartos que temos asegurados, e xa temos feitos todos os elementos audiovisuais do conxunto”.

“Se se confirma a achega da Deputación da Coruña tamén poderiamos completar este ano a época medieval, e desde aí é todo unha incógnita dependente dos recursos que poidamos obter no futuro”, explica.

Segundo Beramendi, tamén hai comprometida outra achega, "menor" desde a Deputación de Lugo, "arredor dos 15.000 euros, mais que non alteraría a planificación do conxunto" expositivo do Museo da Historia.

As novas instalacións do Museo, a ala sur do edificio conventual, inauguráronse o pasado 1 de marzo, unhas obras que engadiron á superficie do edificio 1.600 metros máis. Unha obra a cargo do Consorcio de Santiago na que tamén se renovaron as fachadas e as cubertas e se mellorou a comunicación interior da construción.

Comentarios