O Museo das Peregrinacións, outro contedor de luxo sen proxecto

A Cidade da Cultura non é a única infraestrutura de Santiago que carece de proxecto de contidos. Un ano despois da súa apertura, o novo edificio do Museo das Peregrinacións que ocupa o edificio do antigo Banco de España continúa sen proxecto expositivo e sen ningún tipo de programación. 

Museo das Peregrinacións
photo_camera Museo das Peregrinacións

Situado á beira da cátedra e do edificio onde os peregrinos selan a compostelana, na histórica praza de Praterías, na rehabilitación do edificio que ía albergar o Museo das Peregrinacións investíronse cinco millóns de euros. O grupo municipal do BNG vén de denunciar que se trata dun “continente cun contido que non está á altura das instalacións nin da cidade”.  

A parálise do Museo das Peregrinacións e da Cidade queda á vista na ausencia dunha páxina oficial da entidade que recolla a programación e previsións do edificio rehabilitado en Praterías. A referencia viva na rede de http://www.mdperegrinacions.com remite unicamente á actividade desenvolvida no histórico edificio da entidade, na coñecida como Casa Gótica. Tampouco na páxina de información turística da cidade se atopa información sobre programación do novo edificio da cidade. En santiagoturismo.com non hai referencia algunha nin a contido nin a proxecto expositivo e todos os datos que se aportan remiten á maxestosidade do edificio, con 3.500 metros construídos e unha rehabilitación encargada a un dos máis prestixiosos arquitectos galegos, Manuel Gallego Jorreto. 

Cafetería con vistas

Situado nun lugar privilexiado pola afluencia de turistas e peregrinos, tampouco na páxina oficial da Xunta do departamento de turismo, turgalicia, se atopa información algunha sobre o proxecto que  se ten previsto desenvolver no edificio. A única referencia á segunda sede inaugurada en 2012 é que  acollerá exposicións temporais. “Son inesquecíbeis as vistas desde a cafetería acristalada baixo a torre do reloxio da catedral” indica, unha cafetería que aínda non está en funcionamento. 

Segundo o portavoz nacionalista, Rubén Cela, cómpre “axilizar e facer seguimento das xestións pendentes para concluír as actuacións do Museo das Peregrinacións e da Cidade e poder tramitar a cesión definitiva entre o Ministerio de Cultura, a Xunta e o Consorcio de Santiago de Compostela”.

Comentarios