sábado 24/07/21

Fidel Méndez: "A musealización ten que ter como principal misión protexer os restos orixinais dos castros"

Arqueólogo director do castro de Elviña, Fidel Méndez Fernández expón nunha nova entrega do coleccionábel de Nós Diario os segredos que agocha este xacemento que se atopa na cidade da Coruña. Nesta entrevista, explica como debería ser a musealización dos castros, aborda a relación entre os asentamentos castrexos e refírese á falta de financiamento por parte da Administración pública.

fidel segundo
Fidel Méndez, segundo pola esquerda, nunha palestra sobre o castro de Elviña en 2015.

Fala no seu artigo dos traballos de restauración, manifestando que son fundamentais para darlle "coherencia" á visita pública do castro. Que se debe entender por "coherencia" cando falamos de visitantes e castros? Que características básicas debe ter a musealización ao seu ver?

A musealización ten que ter, en primeiro lugar, a misión de protexer os restos orixinais mediante tratamentos que sexan reversíbeis en todo momento. Se mantemos esta premisa, temos por diante un amplo abano de posibilidades. O que ten que quedar claro cando falamos dun xacemento como Elviña é que xusto despois da conservación dos restos ten que vir a compresión do xacemento por parte do visitante.

Indica que Elviña constitúe unha das cabeceiras comarcais da Terra dos Ártabros. Actuarían "en rede", con certa coordinación, os outros asentamentos castrexos? Estamos falando de que existían "populus ou tribus" vinculadas a unha área determinada e que habería unha estrutura xerárquica entre elas?

O certo é que desde a evidencia arqueolóxica constátase a existencia dunha xerarquía nos poboados castrexos que comezou a albiscarse coa identificación das grandes citanias do sur da Gallaecia, principalmente no actual Portugal, pero esta existencia de centros que denotan unha certa centralidade a nivel do seu entorno xeográfico e poboacional esténdese por todo o territorio.

Desde a evidencia arqueolóxica constátase a existencia dunha xerarquía nos poboados castrexos

Isto non é un fenómeno exclusivo desta zona, senón que se observa en toda a Idade do Ferro europea. Así na zona septentrional, se ben non atopamos cidades tan desenvolvidas como na sur, si que atopamos esa trama xerarquizada. De feito o propio Pomponio Mela fala das cidades dos ártabros. Semella relativamente sinxelo vincular esta xerarquía cos populi nomeados nas fontes e que, sen dúbida, foron a base do mapa de civitates de época romana.

Estudando todos os datos á nosa disposición pódese formular a hipótese, como xa se fixo noutros lugares do continente, da existencia de confederacións de cacicados ou xefaturas, o que traducido ás nosas coordenadas máis concretas podería querer dicir que os ártabros non son na realidade un populus, senón más ben unha confederación de populi ou tribos.

En relación á valoración dos castros, desde un punto de vista do recoñecemento social do seu significado e a importancia de dedicar recursos á investigación, que é necesario para lograr que a sociedade galega pase dunha "identificación sentimental" a algo máis fundamentado?

No Plan básico autonómico inclúense case 1.800 bens arqueolóxicos inmóbeis (xacementos) catalogados, temos a obriga de conservar ese patrimonio e acrecentalo tanto pola vía da conservación como a da musealización, e a da investigación, coñecemento e divulgación. A combinación desas tres vías producirá unha maior familiaridade da  cidadanía co seu patrimonio.

Cando se atopa algún financiamento, é como unha gota no océano

O problema real é que a maior responsabilidade no impulso deses tres vectores está nas institucións que ostentan as competencias exclusivas nesa materia e a súa actitude é manifestamente mellorábel, mesmo de clara desidia. Só así se explica o estado de incuria do noso patrimonio arqueolóxico e que cando se atopa algún, insuficiente, financiamento, sexa como unha gota no océano.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

comentarios