Muros ás artes visuais: conversa con Vitor Vaqueiro

Esta sexta feira hai en Vigo (Praza Eduardo Chao, ás 19:00 horas), unha concentración pola reapertura do Centro Galego de Fotografía (CGF). Un proxecto nado durante o bipartito vigués (2007-2011) e que despois se deixou esmorecer. Publicamos aquí a conversa que o fotógrafo Delmi Álvarez mantén con Vítor Vaqueiro, unha das persoas inspiradoras do proxecto, antigo profesor de fotografía na Universidade de Santiago e na actualidade en situación de xubilado. "Despois de teren un edificio construído, despois de se investir mais de dous millóns de euros nel, despois de disporen dun fondo de mais de 300.000 fotografías de Vigo e Galiza, teñen un edificio destinado a que, no seu exterior, se pinten os grafittis que podes ver e, no seu interior, aos poucos, vaia medrando o estrago", lamenta Vaqueiro.
Vitor Vaqueiro e o Centro Galego de fotografia. 2018 © delmi alvarez
photo_camera Vitor Vaqueiro e o Centro Galego de fotografia. 2018 © delmi alvarez

A finais dos 80 xorde na Galiza un culto pola fotografía e Vigo abandeira coa Fotobienal ese novo movemento cultural promovendo a obra dos artistas galegos que durmían en caixas e dálle igualmente cabida a novos nomes nada ou pouco coñecidos, agás os que asinaban na prensa como fotoxornalistas. Pero é que ademais diso, achegáronnos a autores de alén mar que marcaron ou inspiraron a xeracións enteiras. Persoalmente non podo deixar de lembrar Federico Puigdevall Oliver, uns dos xornalistas que padeceu a persecución da policía e o poder do momento.

Aqueles autores noveles que utilizaban película en branco e negro (Valca HH29) asomaban o nariz entre a represión do que quedaba das tebras do posfranquismo e comezaban a documentar o cambio social do país principalmente através da fotografía de prensa tendo como punto de referencia o semanario en papel A Nosa Terra, por onde pasaron diferentes fotógrafos. A Nosa Terra foi unha verdadeira escola de fotoxornalismo, e a fotografía ten unha débeda con ela na auto formación como fotógrafos.

Fotoxornalismo, como testemuño evidente do necesario cambio

Ese antes e despois que marcou o inicio dunha cultura visual galega viaxou ata converterse nun referente internacional, mesturando os novos autores e os xa consagrados ou coñecidos. Dos primeiros moitos deles desincharon  polo camiño como castelos de area ou fume de madeira mollada, deixaron de crear e mudaron a cámara por outros traballos que lles forneceron o que precisaban para seguir sobrevivindo.

No século XXI a fotografía de autor en Vigo, e mesmo na Galiza, forma parte do minifundio típico galego espallado polo país ou mesmo coma un barco á deriva que non atopa a terra onde poñer pé e un punto de referencia en común.

Na época Fraga a fotoxornalismo entrou nunha fase negra e comezou a extinción de todo aquilo que fora contra o poder establecido. Moitos saíron a Diáspora ou atoparon o seu lugar na nova TVG. Lembro aqueles mozos que viñan ao meu estudo na rúa Pontevedra, debaixo da redacción de A Nosa Terra, para pedir consellos de fotografía antes do exame para cámara de televisión. Desde vendedores de electrodomésticos até amigos con familiares na Xunta que aseguraban tiñan o posto gardado.

Vitor Vaqueiro e o Centro Galego de fotografia. 2018 © delmi alvarez                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                         A Fotobienal viguesa que fora referente mundial ao final viuse mesmo castigada e enviada ao ostracismo. No 2018 o Outono Fotográfico anunciaba o seu peche despois de 35 edicións.

Os novos autores

No século XXI a fotografía de autor en Vigo, e mesmo na Galiza, forma parte do minifundio típico galego espallado polo país ou mesmo coma un barco á deriva que non atopa a terra onde poñer pé e un punto de referencia en común.

A existencia dun centro destas características posibilitaría a conservación e potenciación, con garantías, dun legado que non ten comparanza na Galiza e, que, probabelmente, podería ocupar un lugar de primeira magnitude en Europa

Pero o panorama fotográfico galego parece moito máis grave do que percibimos, tendo por diante unha gran muralla que salvar, como é o poder fáctico político e a rabañada que lle aplaude. No caso de Vigo estamos a falar de salas de fotografía pechadas e baleiras nas que noutros tempos colgaron fotógrafos que lle deron nome a cidade. En definitiva, non existe, ou non parece que exista, unha certa esperanza para que a fotografía contemporánea en Vigo volte a ser unha referencia cultural e social, e as salas amosen máis obras de autores, emerxentes, noveles ou con traxectoria, para que o público tamén teña opción e oportunidade de crítica

A cultura visual en Vigo

Un dos proxectos máis notábeis no ámbito fotográfico foi unha iniciativa do goberno municipal bipartito entre o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego que, entre o ano 2007 e 2011, dirixiu a cidade de Vigo. Foi neste intervalo cando o concelleiro de Cultura Xesús López Carreira, do BNG, reabriu o Arquivo Pacheco, na altura pechado, cuxa coordenación encomendou  a Vítor Vaqueiro, e decidiu poñer en pé unha institución que recibiu o nome de Centro Galego de Fotografía. Este ambicioso proxecto foi pensado, entre outras cousas, para conservar as coleccións fotográficas que xa existían, apoiar os novos autores emerxentes e difundir dende Vigo a cultura e o movemento fotográfico da Galiza e que, ao tempo, no noso país se coñecese o mais significativo da fotografía que se fai no resto do mundo. O proxecto, que contou cun orzamento millonario, levouse a cabo cunha remodelación dun edificio no Casco Vello da cidade. Máis, unha vez rematada a obra o proxecto o botaron abaixo, e alí, nunca esquina dese antigo barrio de mariñeiros, segue esperando que alguén o reviva e que poda dar un servizo a cidadanía. Actualmente o exterior do edificio está totalmente abandonado, cheo de pintadas.

En verdade, non se pode dicer que o sector político teña un entusiasmo estarrecente pola cultura xa que, segundo el, a cultura non dá votos

Con Vaqueiro, unha das persoas inspiradoras do proxecto, antigo profesor de fotografía na Universidade de Santiago e na actualidade en situación de xubilado, falamos unha tarde de finais de verán, precisamente perante o edificio do CGF.

Vitor Vaqueiro e o Centro Galego de fotografia. 2018 © delmi alvarez

Que aconteceu coa Fotobienal de Vigo para que deixara de promover o nome da cidade?

Ben, eu podo dicir o que aconteceu, mais o que aconteceu sábelo ti, coma min e como todo o mundo: o concelleiro de Cultura, naquela altura Carlos Príncipe, do Partido Socialista, decidiu suprimir unha actividade cultural que, cos seus acertos e os seus erros, mobilizaba cada dous anos ao pé dunhas trinta mil persoas a visitaren as exposicións, a asistiren aos debates ou conferencias, a desfrutaren e aprenderen o que significa o acto fotográfico e os feitos que o acompañan. Queda por coñecer agora cales foron os motivos que moveron aquela absurda e irracional decisión, mas iso terás que llo preguntar a quen a tomou. 

Con tantas salas fechadas á fotografía, a Sala dos Peiraos, a Casa das Artes, O museo MARCO, cal é en realidade o problema de base? Onde radica o mal?

Eu penso que o problema, como ben apontas, é de base e, antes de mais, debo concretizar que me teño de referir ao sector fotográfico na súa vertente pública, que é quen administra os diñeiros da cidadanía, xa que o sector privado pode facer o que lle pete cos cartos que son seus.

Vigo fixo unha aposta forte pola nugalla e o desleixo cultural e, con grande esforzo, conseguiu os seus obxectivos

Partindo da afirmación anterior, eu diría que a orixe do problema é dupla e esa duplicidade produce un efecto de retroalimentación que fai que a situación vaia podrecendo devagar. En primeiro lugar están os poderes públicos, Concello e Xunta nomeadamente. En verdade, non se pode dicer que o sector político teña un entusiasmo estarrecente pola cultura xa que, segundo el, a cultura non dá votos (esta afirmación habería que probala) e, polo tanto, nela non paga a pena facer grandes investimentos, como proban os cortes dos últimos anos, que chegan, nalgúns casos ao 70%.

E, en segundo lugar, Delmi, ti que es de Vigo como son eu, sabes que, infelizmente, non temos unha cidadanía formada na cultura. Vigo será o que sexa, mais non é unha cidade culta, no sentido que o son Santiago, A Coruña, Lugo, Pontevedra ou Ourense, orgullosas do que son. Isto non é culpa de viguesas e vigueses, senón da historia. Vigo pasa en 100 anos de 13.000 moradores a 300.000, cun incremento de 2.200% o que supón un crecemento anual, sostido durante un século, de 3,2%. Esencialmente constituíuse como unha cidade-taller, onde a preocupación fundamental foi a produción económica, esquecendo que hoxe, e no futuro aínda mais, o sector cultural e o ligado ao lecer van en aumento. Fíxate no proxecto de museos da Coruña, facendo prioritario o sector da Ciencia, Casa das Ciencias, Domus, Casa dos Peixes … etc, e pondo na súa dirección persoas capacitadas. Todo isto, naturalmente, sen esquecer outros camiños, Museu de Belas Artes, San Antón, etc. Olla a situación museística de Compostela e olla agora a rede de museos viguesa, onde se constrúen contedores, como o Verbum, e despois se preguntan os responsábeis que se pode facer con eles, non achando aínda a resposta vinte anos despois. Fíxate: a Fotobienal clausurada, o Centro Galego de Fotografia o mesmo. Concretamente, o CGF que, do meu ponto de vista, é aquel que parte dun material concreto (un fundo de decenas de miles de fotografías) e un proxecto coherente, é aquel a quen se lle fecha a posibilidade de existencia. E perante esta situación, cal é a resposta da cidadanía? Esencialmente, a indiferenza, se facemos abstracción do importante movemento de defensa do MARCO e pequenos colectivos que reiteran a súa protesta. Nese sentido, é didáctico fixármonos en Bilbao. Bilbao era unha cidade porca, o Nervión parecía chocolate e Donostia era como unha aurora boreal en euskera. Mais hai catro décadas os órganos reitores da cidade e de Euskadi decidiron coller o camiño da cultura e quen coñecemos o Bilbao do franquismo non podemos acreditar que mudase no que hoxe é. Daquela Bilbao apostou por converter a cidade nun foco cultural e hoxe esa vertente resulta decisiva. Vigo fixo unha aposta forte pola nugalla e o desleixo cultural e, con grande esforzo, conseguiu os seus obxectivos. O poder político actúa como actúa porque sabe que non existe unha masa crítica mínima disposta a elevar o seu nivel cultural e a esixir unha cidade na que a cultura, non o espectáculo sen sentido, teña o seu lugar. A realidade é dura porque eu non son quen de albiscar un proxecto global de cidade que coloque a cultura como un dos eixos basilares do seu desenvolvemento no século XXI e unha cidadanía disposta a defendelo. E, como penso que o factor económico é o que semella ser o fundamental para a inmensa maioría do pobo vigués, deixo unha consideración: o crecemento das variábeis económicas da Coruña é constante desde o ano 2011 e o de Vigo, á inversa, mostra unha preocupante tendencia ao decrecemento desde hai varios anos. Os sectores responsábeis deberían considerar o papel de Vigo e tracexar un proxecto de futuro no que o vector cultural, por moitas razóns, debería acharse presente.

Eu non son quen de albiscar un proxecto global de cidade que coloque a cultura como un dos eixos basilares do seu desenvolvemento no século XXI e unha cidadanía disposta a defendelo

Vítor, como xorde este proxecto tan ambicioso de crear unha Institución Fotográfica con sede en Vigo?

En realidade o proxecto xorde de forma case natural. En Vigo, como che dicía, existe instalada unha tendencia que consiste en crear unha estrutura física, un contedor, un edificio, como lle queiras chamar e, despois, preguntarse que se pode expor no seu interior. No caso da fotografía, un centro desas características era, e é, imprescindíbel e así o veu Xesús López Carreira e a equipa do BNG que levaba a Concellaría de Cultura. E era imprescindíbel, en primeiro lugar, porque na cidade existen xa ou podían existir coleccións importantes: o fondo de Filippo Prosperi, Candida Otero e a familia dos Pacheco, que abranxe practicamente un século de historia da cidade e que se achega ás 150.000 imaxes. Existe igualmente unha importante colección de obras de Ksado, ao pé dunhas mil, das que descoñezo agora mesmo o seu estado de conservación e entre as cales se achan obras tan notábeis como “A Naiciña”. Ademais, fica en Ribadavia a importante colección de Llanos que se debe situar ao pé das cento cincuenta mil imaxes. A isto, que non é pouco, habería que axuntar a colección de fotografía contemporánea do Concello de Vigo, que, se non erro, está por enriba das setecentas imaxes, con autores e autoras tan significativos como Karen Knorr, Ruth Thorne-Thomsen, Joan Fontcuberta, Graciela Iturbide, Susan Meiselas, Allan Sekula ou Antoine D’Agata, por sinalar apenas uns poucos casos —entre unha cincuentena— que me veñen à memoria. Nomes, todos eles, que figuran nas Historias da Fotografia universal.

Por outra parte, a existencia dun centro destas características posibilitaría a conservación e potenciación, con garantías, dun legado que non ten comparanza na Galiza e, que, probabelmente, podería ocupar un lugar de primeira magnitude en Europa. Alén da conservación, este centro, e así figura no proxecto fundacional, debería funcionar como un verdadeiro museo, entendendo por tal non unha galería de exposicións, senón un centro de produción de coñecemento, que posibilitase a documentación e catalogación, a investigación, a docencia —dirixida a adultos, a infancia e a centros de ensino— a edición e publicación de materiais —periódicos e non periódicos— que tivesen a ver coa Fotografía, mais tamén con outras disciplinas expresivas, que, conectado coas universidades galegas, puidese facilitar ou xerar unha ampla produción teórica que abranguería desde artigos a teses de doutoramento, que inserise a fotografía galega, clásica e contemporánea, na Historia da Fotografía e esta, á súa vez, no sistema cultural galego, no que existise a posibilidade de cursar estudos regrados, —mestrados, traballos de fin de grao— ou libres, de fotografía, que organizase proxeccións fotográficas, debates, ciclos de conferencias e congresos, que visase a tradución de obras clásicas ou actuais, que contase cunha biblioteca especializada en Fotografía, en resumo que funcionase, como che dicía, como un verdadeiro centro produtor de coñecemento. Un lugar, e non quero seguir debruzándome, que fixese posíbel que moita xente —estou a pensar en persoas brillantísimas, pertencentes ao meu antigo alumnado na universidade de Compostela— non tivese que marchar a Cataluña para cursar estudos superiores de fotografía.

Cal eran as características do proxecto?

As características conceptuais son as que acabo de sinalar. As características da construción eran as deste edificio que ves ás miñas costas. Se me pides unha maior precisión, concretada en datos, direiche, fiándome da memoria, porque pasaron oito anos desde que o CGF se clausurou, que o investimento foi superior aos dous millóns de euros. Arquitectonicamente falando, o proxecto articulábase en función das bases antes sinaladas e, fisicamente, dispúñase en un soto e tres andares. O soto, o baixo e o primeiro andar tiñan, quero dicir, teñen, non sei porque estou a falar en pasado, unha superficie duns 370 metros cadrados cada un, mentres que o segundo andar é o mais pequeno, ao redor dos 165 metros cadrados. En total a superficie achégase aos 1.300 metros cadrados. Para que te fagas unha idea, a superficie de todas as dependencias (arquivo, laboratorio, corredores, baños, salas de reunión, despachos) do Arquivo Pacheco, situado na Casa das Artes, andará polos 250 metros cadrados, o cal quere dicir que o Centro Galego de Fotografia quintuplica a superficie do Arquivo Pacheco. O proxecto prevé espazos dedicados a almacén, laboratorios, 3 espazos multifuncionais duns 300 metros cadrados en total, que poden traballar como salas de exposición ou de conferencias, un espazo biblioteca, videoteca e hemeroteca, ademais dos lóxicos despachos, salas de reunións, baños, etc. Isto dito así por enriba.

Cal foi o motivo ou motivos polos que deitaron o proxecto do Centro Galego da Fotografía en Vigo?

Verdadeiramente esa é unha pregunta que me levo facendo hai oito anos e que terías que lle facer á persoa, ou persoas, que son responsábeis do seu feche. Persoas que, despois de teren un edificio construído, despois de se investir mais de dous millóns de euros nel, despois de disporen dun fondo de mais de 300.000 fotografías de Vigo e Galiza, teñen un edificio destinado a que, no seu exterior, se pinten os grafittis que podes ver e, no seu interior, aos poucos, vaia medrando o estrago. A min, sinceramente, escápaseme a lóxica que pode rexer este comportamento. Ignoro como se lle pode furtar a unha cidade a posibilidade de que se sitúe en primeira fila, xa non digo de Galiza, mais do Estado e de Europa no que atinxe o campo da cultura e, concretamente, da cultura fotográfica. Para min resulta incomprensíbel.

Todas as imaxes son de D. Álvarez.

Comentarios