Muras afonda na súa relación coa arqueoloxía

O concello acolle o curso de verán da USC “Arqueoloxía, castros e comunidades rurais. Propostas de investigación e intervención desde Muras” co fin de pór en valor o patrimonio castrexo do lugar e de se aproximar ao estudo dos xacementos. Falamos co alcalde de Muras, Manuel Requeixo, sobre estas xornadas.

Curso de verán en Muras
photo_camera Curso de verán en Muras

Esta fin de semana o local social do Concello de Muras está a acoller o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela “Arqueoloxía, castros e comunidades rurais. Propostas de investigación e intervención desde Muras”, co-financiado polo concello e co-dirixido por María Martín Seijo e Josefa Rey Castiñeira.

En conversa con Sermos Galiza, o alcalde de Muras, Manuel Requeixo, explícanos que o lugar “ten unha carencia en relación á historia, ten moi pouco escrito sobre o pasado. E neste campo hai unha imaxe moi unida ao castelo e á súa torre, totalmente abandonadas”. Foi así como xurdiu a idea de impulsar o curso de verán, “para poñer en valor todo isto”.

Outros obxectivos do curso pasan, segundo salienta, por definir propostas de investigación arredor da Idade de Ferro no noroeste da Península e por potenciar a multidisciplinariedade da aproximación arqueolóxica ao estudo dos castros, integrando disciplinas como a arqueobotánica, os estudos espaciais, a etnoarqueoloxía e a arqueoloxía experimental. Tamén subliña a necesidade de reflexionar sobre as relacións entre patrimonio arqueolóxico e comunidades rurais, e especialmente sobre as súas posibilidades de futuro, un factor que se abordou na xornada deste sábado, na que se trataron diferentes casos prácticos, como o da arqueoloxía experimental con pan e cervexa na Idade de Ferro.

"Universidade-Muras é unha mensaxe positiva após todo o negativo que recolleron os medios de comunicación a respeito do noso concello anos atrás, co ex alcalde e con todo o que había arredor desa mafia"

O rexedor do BNG explica que outra das ideas que representa este curso de verán é a unión de conceptos, “Universidade-Muras é unha mensaxe positiva após todo o negativo que recolleron os medios de comunicación a respeito do noso concello anos atrás, co ex alcalde e con todo o que había arredor desa mafia”. “Estamos en fase de reverter esa imaxe negativa”, apunta.

Xacementos catalogados en Muras

Manuel Requeixo dá conta do número significativo de xacementos catalogados como castros que acolle Muras: O Castro, O Castro da Picheira, Castro de Silán, O Castro Vello, Castro de Muras/O Castelo e O Castrillón. “Están distribuídos por diferentes zonas do concello, e nalgúns casos vinculados a posíbeis ocupacións posteriores con cronoloxías medievais”, explica.

O alcalde nacionalista subliña o especial protagonismo do xacemento do castelo, na parroquia de San Pedro de Muras, “as súas ocupacións durante época medieval e durante a Idade do Ferro fan que sexa especialmente interesante e permiten relacionalo con outros xacementos destas cronoloxías existentes noutros puntos do Concello”. Sinala que a intervención planificada no Castelo inclúe nunha primeira fase a realización de rozado manual baixo control arqueolóxico, levantamento topográfico, elaboración de planimetrías de cara a unha futura intervención arqueolóxica e a posta en valor do xacemento arqueolóxico.

"Hai que impulsar os restos de castros, mámoas... moita abundancia de xacementos que nunca se puxeron en valor"

Manuel Requeixo sinala a necesidade de “impulsar o que temos no concello a nivel arqueolóxico, hai moitos restos de castros, mámoas, medoñas e moita abundancia de xacementos que nunca se puxeron en valor”. O rexedor de Muras lamenta que “cando tivo lugar o boom dos parques eólicos no concello non se respectaron zonas de castros e mámoas nin se gardaron as distancias correspondentes”. “Esta riqueza arqueolóxica que ten Muras queremos aproveitala para o futuro”, salienta.

Comentarios